A patronal amosa as unllas

Manuel Mera - 29 Ago 2022

A perda do poder adquisitivo dos salarios, a falta de medios no sector público e o peche ou traslado ao exterior de fábricas e servizos (como o telemarketing) acentuaron a protesta laboral. Daquela un sector da patronal consciente de que esta mobilización da clase obreira vai a máis, e terá que actualizar salarios e respectar as condicións laborais de convenio, está utilizando métodos represivos

 Chama a atención que das 13 novas que hai en portada na páxina web da CIG do pasado día 27 de agosto nada menos que 4 fagan referencia a sancións e despedimentos noutras tantas empresas. Vexamos a información que quero destacar:

1) ENAIRE obrigada a retirar as sancións a dúas delegadas da CIG pola súa actitude reivindicativa e afiliación sindical (empresa do aeroporto de Compostela, sector transporte).

2) A CIG esixe a readmisión de dúas traballadoras despedidas no grupo COMAR (Bingo Royal, en Vigo, sector servizos, a pretensión é excluír á CIG da representación sindical na empresa).

3) Declarado nulo o despedimento dunha traballadora de IMFutuRe por estar embarazada (Compostela, centrais eólicas).

4) Persoal de ALSA concentrase no concello de Ferrol pola readmisión de 2 despedidos cando estaban de baixa (sector transporte).

 Dirase que pode ser unha casualidade, mais o certo é que a perda do poder adquisitivo dos salarios, a falta de medios no sector público (sanidade, ensino, dependencia...) e o peche ou traslado ao exterior de fábricas e servizos (como o telemarketing) acentuaron a protesta laboral. Daquela un sector da patronal consciente de que esta mobilización da clase obreira vai a máis, e terá que actualizar salarios e respectar as condicións laborais de convenio, está utilizando métodos represivos. Estes van desde as sancións aos despedimentos mediante argumentos ficticios, para descabezar a mobilización laboral, coa finalidade de aumentar beneficios ou facerlle pagar todos os custos da crise á clase traballadora.

 Todo amosa que esta é unha dinámica por parte das empresas que vai a máis, mesmo con carácter preventivo, mediante o despedimento especialmente daqueles delegados/as que se presentan pola CIG, que é a central sindical que por obxectivos e estratexia mantén unha liña máis reivindicativa e combativa. Non axuda a actitude derrotista de CCOO e UGT, xa que utilizan a mobilización en última instancia, ben porque non poden ignorar o conflito laboral, empurrados pola súa propia base, ou porque a presenza da CIG e outras centrais minoritarias combativas as deixa en evidencia.

 Esta actitude pasiva das maiores centrais estatais que non aproveitan a mobilización como principal activo da clase traballadora para forzar na negociación os maiores avances posíbeis, reflectise con toda claridade no apoio aos convenios de ámbito estatal, ignorando, non por casualidade, que é nos de sector -provinciais e autonómicos- nos que se obteñen mellores resultados, dado que a proximidade e características comúns do ámbito axuda a unha maior participación e protagonismo da base, ao que nalgúns casos se engade a presenza de sindicatos que relacionan sempre a negociación coa mobilización, como é o caso da CIG na Galiza, etc. Os resultados da negociación colectiva no que vai de 2022 así o reflicten. O aumento nos convenios foi do 2,4% de media no Estado español, e do 5,09% no País Vasco e do 3,77% na Galiza, até o mes de xuño, mentres que as aspiracións máximas de CCOO e UGT eran de 3,5% para este ano (o IPC de 2021 que se tomaba como referencia foi do 6,5%).

 Outro aspecto que destaca a portada da páxina da CIG é que as mulleres teñen neste intre o papel destacado que lles corresponde, non só por representar practicamente a metade da clase traballadora, senón por estar  de xeito activo na primeira liña da loita reivindicativa. Algo que sendo un paso adiante, importante e necesario, tampouco se debe considerar unha novidade; hai que lembrar que hai medio século eran maioría do persoal en sectores como a conserva, louza e confección, que tiñan un papel importante na acción reivindicativa. Non se trata dunha situación conxuntural, senón dun proceso de acumulación, cambio, e a consolidación necesaria para avanzar na xustiza social, até acadar unha repartición xusta do traballo e dos ingresos.

 

 

[Galiza, 29 de agosto de 2022]