A patronal das empresas electrointensivas, AEGE, coincide coa CIG na demanda dunha tarifa eléctrica estábel

Para que sexa predicíbel, garantir a continuidade nos procesos produtivos e a creación de emprego
Nacional - 24 Mai 2018

O secretario xera da CIG, Paulo Carril, xunto co secretario nacional de Industria, Xoán Xosé Bouzas, reuníronse esta mañá en Madrid con Teresa Rasero, presidenta da patronal das empresas electrointensivas do Estado (AEGE), entre as que están Alcoa, Ferroatlántica, Celsa, Megasa e SLG-Carbón. Unha xuntanza que a CIG valora positivamente, na medida en que houbo coincidencia respecto da necesidade de que se estableza unha tarifa industrial para as empresas electrointensivas que sexa estábel, predicíbel, que garanta a creación de emprego e a continuidade nos procesos produtivos.

A reunión celebrouse coincidindo co remate, onte, da poxa de interrompiblidade para o que queda para 2018. Un ano no que xa se fixeron dúas poxas e que Fernando Branco, responsábel do sector de Enerxía da CIG-Industria, cualificou como “atípico” porque estamos nunha fase transitoria na que o goberno do Estado está preparando un cambio de modelo que consiste en “ir a unha poxa de interrompibilidade máis baixa, de menos millóns de euros e compensar ás empresas electrointensivas con dous conceptos novos que serían soportados polos orzamentos do Estado: a compensación por CO2 –a este respecto recóllense 78 millóns de euros- e por renovábeis –sobre este concepto habería 150 millóns de euros-.

Así as cousas, á CIG interesáballe nesta xuntanza saber cales van ser os mecanismos de xestión desas partidas; como se distribúen e que mecanismos vai aplicar a UE aquí e noutros Estados europeos. “Ter un coñecemento de primeira man de cal vai ser o criterio de reparto deses millóns de euros e como vai afectar iso á industria galega”.

Previsión de futuro

Na xuntanza tamén se trasladou a opinión –moi crítica- que ten a central sindical respecto do actual sistema. Neste sentido o secretario xeral da CIG, Paulo Carril sinalou que “nós non cremos que a poxa sexa un mecanismo para empresas deste volume de negocio que non poden estar todos os anos xogándose o futuro ano a ano”.

Fronte a isto defendeu que teñen que ter unha visión non ano a ano, senón a máis longo prazo e apostou por unha tarifa estábel, na que os cambios poidan ser predicíbeis para que as empresas poidan facer os investimentos que consideren necesarios e ter así unha previsión de futuro.

Xunto a isto, a CIG defendeu depurar a tarifa eléctrica de conceptos que non teñen a ver co propio sistema eléctrico, nomeadamente a peaxe extrapeninsular, que entende que debe ser soportada polos orzamentos do Estado e a peaxe das primas ás renovábeis, que tamén deben ser soportadas polos orzamentos do Estado pero non vía tarifas, porque “senón estamos cargando na tarifa unha serie de conceptos que non son propios, en sentido estrito, do sistema eléctrico”.

A Xunta "ausente e sen interese"

Carril sinala que por parte da central sindical tamén se expuxo a visión desde Galiza, a experiencia da ILP e do que pretendía esta no que se refire ás empresas electrointensivas e “censuramos a incapacidade do goberno da Xunta de Galiza por estar ausente e sen interese nun debate tan importante como este para a industria galega”.

Como exemplo puxo que nesta última poxa, que acabou onte, a Xunta foi a única comunidade autónoma que non presentou alegacións ao Decreto que regula esta subasta fronte Asturias, Catalunya ou Extremadura, que si fixeron.

Con estas cuestión sobre a mesa, a defensa da CIG dunha tarifa eléctrica para particulares e para a industria, nese aspecto concreto, o secretario xeral da CIG entende que “coincidiamos na necesidade que exixirlle ao Estado que se tivera en conta a situación das empresas que teñen grandes consumos enerxéticos e a necesidade desa tarifa estábel e predicíbel”.

Carril fixo valer, en todo caso, os elementos propios que hai en Galiza porque “somos un dos territorios que máis produce e entendemos que hai que dar estabilidade á industria electrointensiva e posibilidade de futuro para crear emprego e ser competitivas”.