A patronal di que falta man de obra (precaria)

Manuel Mera - 07 Feb 2023

Chama a atención que non se diga ren respecto de que hai condicións laborais e salarios ofrecidos pola patronal que son indignos ou que non se axustan á competencia do mercado. Se cadra o que se pretende é aumentar a man de obra de reserva artificialmente, especialmente aquela que ten que aceptar calquera oferta

 Nunca é casual que o xornal La Voz de Galicia dedique varias páxinas o domingo a un tema que vén tratando acotío e de xeito deformado, xustificando o apoio á entrada de inmigrantes con axudas da Xunta, porque seica falta de man de obra. Recoñecen que hai un 10%-11% de desemprego, mais non serían as persoas que necesitan as empresas, ben por falta de cualificación, ben porque terían máis de 55 anos. Ou sexa, descártase con argumentos financeiros carentes de calquera obriga coa sociedade a aquelas persoas que viven no país (naceran ou non nel) sen facer un esforzo dende a Xunta e outras institucións públicas para lles ofrecer unha saída laboral, dando así unha resposta económica e social ao servizo de país, e ás necesidades empresariais con criterios sociais.

 Chama a atención que non se diga ren respecto de que hai condicións laborais e salarios ofrecidos pola patronal que son indignos ou que non se axustan á competencia do mercado. Se cadra o que se pretende é aumentar a man de obra de reserva artificialmente, especialmente aquela que ten que aceptar calquera oferta, como moitos/as inmigrantes que chegan en situación de extrema precariedade, para favorecer a aquela patronal que se lucra a custa dunhas condicións laborais indignas. En fin, que se estaría a seguir o exemplo da Ucraína, que tanto gaban como sociedade democrática, e que acaba de eliminar a negociación colectiva e os sindicatos das empresas de menos de 250 operarios/as, un 70% da clase traballadora (sen que a UE dixese ren sobre esta destrución de dereitos básicos).

 O que máis chama a atención desta campaña na Galiza é que considera retornados tanto aos que naceron no país (que o son) como aos que naceron fóra e son fillos e netos de galegos/as, e que en realidade son venezolanos, arxentinas, etc... Se lle preguntamos a cada un deles diranos que son deses países, o que non lles resta dereitos, mais isto implica coñecer e adaptarse a unha nova realidade. Chamémoslles ás cousas polo seu nome; unha cuestión é que existan programas que favorezan o retorno daqueles que se viron forzados a emigrar e outra que haxa unha política de axudas para quen teña a cidadanía española e nacera no exterior. Son dúas problemáticas distintas.

 Tampouco se pode obviar, ao tratar este tema, que un 46% das familias inmigrantes que viven no Estado español (ano 2020) están por debaixo da liña de pobreza. Ou sexa, que son os primeiros afectados/as polas políticas que amplían a man de obra de reserva con máis inmigración; máxime en etapas de crise, como a actual, xa que aumenta a competencia á baixa entre traballadores/as. Polo tanto, ademais das boas palabras, e do engano das condicións laborais que se venden no exterior, cómpren recursos e programas para a integración tanto laboral e en todos os ámbitos deste colectivo (social, cultural, lingüísticos, etc.), así como tamén para aqueloutros colectivos afectados polas altas taxas de desemprego e precariedade, como a mocidade, maiores de 55 anos e as mulleres, mais non é a temática deste artigo.

 Falta xente para ocupar os postos de traballo ofrecidos polas empresas ou sobra a precariedade, horas estras non pagadas, salarios de miseria, e mocidade forzada a buscar no exterior un posto de traballo que lle permita vivir decentemente?... Todos estes temas mesmo son complementarios.

 Por certo, mentres din que falta man de obra, pouco se fala dos cartos que emigran ao exterior que multiplica varias veces o que entra en Galiza, ben porque son beneficios de empresas coa sede central fóra do país, ou porque se trata de investimentos no exterior do capital “galego” que busca ampliar máis rapidamente beneficios. Esta é outra gran ferida: o papel que xoga a nación galega na cadea de valor... o alto grao de dependencia, téñennos esmagados.

 

[Galiza, 7 de febreiro de 2023]