A patronal dos autobuses dálle unha portada ao persoal e ningunea o presidente da Xunta ao negarse a negociar
A reunión da mediación deste luns rematou como todas as xuntanzas previas, coa patronal pechando a porta á negociación e abocando o persoal do transporte en autobús a endurecer o conflito para conseguir un convenio colectivo digno. Esta actitude da patronal deixa como única saída a folga indefinida a partir do 2 de febreiro, coas consecuencias que isto conleva na mobilidade da provincia da Coruña.
Unha vez máis, a patronal descúlpase en presuntos actos vandálicos dos que non achega proba nin feitos concretos, para impedir o diálogo coa parte social e negar a posibilidade de avanzar nun acordo. Para a CIG esta posición patronal resulta indefendíbel e unha total irresponsabilidade pola afectación que ten unha folga indefinida neste sector, que sobrepasa o ámbito puramente laboral.
Neste senso, o representante da CIG, Ernesto López, denuncia que a patronal non só lle está dando as costas ao persoal e ao conxunto das persoas usuarias que quedarán sen servizo, senón que está ninguneando ao propio presidente da Xunta de Galiza, que a pasada semana fixo un chamamento a negociar.
López Rei lembra que a administración autonómica é a titular das liñas, polo que instou o Goberno galego a abandonar a súa inacción, intervir de inmediato no conflito como parte implicada que é, e traballar para resolver esta insostíbel situación de bloqueo, que ten unha única responsábel: a patronal.
Sobre este punto, o representante da CIG acusa a Monbús, principal empresa do sector en Galiza, de estar detrás desta negativa a negociar co obxectivo de empeorar as condicións de traballo e os dereitos recoñecidos no actual convenio. Así as cousas, reitera que esta actitude non vai dobregar a vontade do persoal que está disposto a pelexar e ir á folga indefinida até conseguir melloras salariais e laborais dignas.