A patronal dos autobuses, UGT e CCOO manobran para laminar a maioría da CIG nunha reunión que deixa poucos avances
A reunión da mediación polo conflito do transporte en autobús que tivo lugar este venres, e que se prolongou até preto das 21 horas, deixa poucos avances na negociación e unha manobra conxunta da patronal, UGT e CCOO para modificar a representatividade sindical no sector estabelecida até o de agora. O obxectivo desta actuación foi laminar a representación maioritaria da CIG (que ostentaba o 50% na mesa de negociación) que, até o día de hoxe, nunca se puxera en cuestión.
En calquera caso, este venres, por primeira vez dende o inicio do conflito, produciuse unha negociación real, coa presentación dunha proposta completa por parte da patronal (que para a CIG resulta insuficiente ao non atender as demandas mínimas marcadas polas asembleas de persoal para esta negociación) e cun amago de poder trasladar unha segunda oferta ao remate da reunión.
Neste senso, Ernesto López Rei, responsábel de Transportes da CIG, sinala que os avances non foron significativos ao non entrarse a debater aquelas materias prioritarias para o sector, como a rebaixa da xornada, o acceso á xubilación parcial, a mellora da cobertura nas situacións de incapacidade temporal, ou a regulación do persoal acompañante do transporte escolar -que sufre condicións de auténtica precariedade-. Nas cuestións nas que a patronal aceptou falar “fíxoo de maneira moi tímida” e no caso da suba salarial que presentan “é moi escasa e moi afastada das reivindicacións sociais”.
Así as cousas, as partes quedaron emprazadas a continuar negociando no día de mañá, sábado 31 de xaneiro, ás 11 horas no Consello Galego de Relacións Laborais.