A piques de se iniciar a campaña de alto risco, o persoal esencial do SPIF está sen vacinar

CIG-Autonómica mantivo, por este e outros temas, xuntanzas cos grupos parlamentarios

Nacional -

A CIG-Administración Autonómica mantivo varios encontros con todos os grupos parlamentarios, BNG, PSOE e PP, para reclamar iniciativas en defensa da xestión propia das funcións estatutarias do noso país; que estas leis marco ou estatutos básicos sirvan para dar cobertura ás competencias estatais na aplicación dos dereitos á xubilación anticipada e a seguridade e saúde laboral e instar a un catálogo de enfermidades profesionais.

Denunciou que o persoal esencial do SPIF, ás portas da tempada de verán de alto risco, aínda non está vacinado e reclamou a necesaria negociación previa a elaboración dos documentos tamén coa CIG, por ser máis representativa a nivel estatal e ter presencia na Mesa Xeral de Administracións Públicas. Ademais tratou os problemas que trae a obrigatoriedade da comunicación dixital nos servizos forestais.

Estatuto básico de bombeiros forestais

Segundo explica a responsable nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, nas xuntanzas presentáronse achegas ao “borrador de contenidos para un anteproxecto de estatuto básico de bombeiros forestais” no marco dun proceso de participación pública. Un documento que “ten grandes eivas e mesmo reduce os dereitos laborais que agora teñen os bombeiros forestais na Galiza”, entre os que sinalou:

 

  • Formación. Dar formación debe ser unha esixencia para a administración pública como empregadora. Defendemos unha formación profesional continuada para todo o persoal, en tempo de traballo, coa PRL transversal e encaixada no marco do sistema de acreditacións profesionais.
  • Dada a dispersión da poboación e a cantidade de zonas forestais temos que poder traballar noutras continxencias sempre e non de forma excepcional. O traballo habitual en multiemerxencias no medio natural e rural debe vir contemplado na lei marco.
  • Con respecto a xornada para a CIG todo o tempo é efectivo, os nosos incendios son unha emerxencia habitual, e agora temos uns máximos limitativos de 12 horas. Non podemos ir a peor deixando uns tramos de ata 18 horas de traballo.
  • A segunda actividade debería estar considerada por cuestión de idade, non só por cuestión de saúde. Non concordamos coa esixencia dos 25 anos de experiencia como lexislou Galiza na lei de medidas que acompañou a de orzamentos de 2021.
  • Saúde laboral. Aledámonos de que se propoña elaborar unha lei de prevención de riscos propia pero botamos en falta xa un estudo para a determinación das enfermidades profesionais e destacamos o impacto que tantos anos de lumes continuados esta a facer na saúde do bombeiros e bombeiras.
  • A xubilación anticipada con coeficientes redutores non ven prevista, e este é o sitio onde debería regularse. Defendemos o 30% de factor de redución pola lesividade do traballo de incendios.
  • Suspende en igualdade. A linguaxe machista percorre todo o articulado e non promove ningunha soa medida que fomente o emprego de mulleres nesta profesión con alta infrarrepresentación. Para máis a conciliación ou a necesidade dun plan de igualdade específico se nomea de pasada e con termos futuribles e non impositivos. Destacamos o problema dos EPIS “unisex” que non están adaptados a anatomía feminina.
  • Na CIG defendemos a subrogación do servizo.

Preguntas ante a necesidade dunha lei básica de axentes forestais

En 2018 aprobouse no Senado unha lei básica de axentes parcial e que deixaba fóra ás funcións nos incendios forestais, que non regulaba a xubilación anticipada nin tampouco os accidentes laborais.

Zeltia Burgos sinala que, para máis, a proposta sometía aos axentes a ser auxiliares dos corpos e forzas de seguridade do Estado e lembra que “nos opuxemos e fomos ao Congreso a tratar de parala e emendala antes do seu trámite” e apunta que se está a mover un novo intento, cun proceso previo de participación pública no mes de decembro de 2020, que trata dun cuestionario dirixido a validar o anterior anteproxecto.

Por iso nas xuntanzas cos grupos parlamentares a CIG-Administración Autonómica reclamou a necesidade de negociar un documento novo que resolva cuestións de ámbito estatal, como os coeficientes redutores para a xubilación anticipada e as enfermidades profesionais, pero sobre todo que “dea freo á invasión competencial dos corpos e forzas de seguridade do Estado dándolle a volta á intención inicial da lei marco”.

Burgos explica que “para nós é importante a inclusión en ambas normas da salvagarda de poder acollerse a lei básica de bombeiros, subsidiariamente e de xeito complementario, polas funcións de coordinación e DTE de incendios dos axentes forestais e ambientais adscritos ao SPIF na Galiza” e sinala que se advertiu da posible modificación da LECRIM na que se quere retirar a condición de policía xudicial xenérica e administrativa especial, algo que non se pode consentir xa que non se deben poñer trabas os profesionais máis cualificados na investigación de delitos Medioambientais.

“Deixamos claro o noso malestar en que a Xunta de Galicia estea a formar a  corpos estatais para a realización de traballos que son de competencia autonómica”.

A vacinación da que nada se sabe a poucos días do comezo da campaña

Nas xuntanzas tamén se trasladou a denuncia de que os bombeiros e axentes ambientais de Galiza son persoal esencial que, a día de hoxe, aínda non foi vacinado contra a Covid mentres que outros corpos de emerxencias como protección civil ou aos bombeiros dos parques comarcais si o están.

Por iso lembraron o peche unidades e mesmo confinamentos de distrito do pasado verán e preguntaron que pasaría hoxe no caso dun positivo en plena campaña de verán e instaron a que se vacine xa a este persoal antes do comezo do alto risco previsto para o 16 deste mes. “Nesta cuestión todos os grupos amosáronse sorprendidos pola falla de vacinación deste persoal esencial”, apunta Burgos. 

As obrigas de administración dixital das persoas do rural

Outra das cuestións abordadas foi a obriga “que meteu a machada a consellería do Medio Rural” de relacionarse dixitalmente a todas as persoas usuarias sen ter feito antes o Inventario de dixitalización previsto na LEXIDGA. Burgos denuncia que solicitar un permiso de corta, queima ou mesmo un dano por animais salvaxes “é unha odisea”.

Explica que ademais de boa conexión e de coñecementos dixitais para manexar a aplicación esixe a declaración dunha chea de datos como a referencia catastral da parcela, cubicación, afección de zonas de protección ou especies afectadas. “Ao fin aboca a contratar unha xestoría cun custe elevado por permiso de corta por exemplo ou arríscanse a unha multa por non ter ben feita a xestión”.

Fronte a isto, a CIG-Administración Autonómica propón que se pare a obriga até ter feito o inventario previsto na lei e establecer medidas urxentes como o funcionario/a habilitado de rexistro nas oficinas agrarias ou do distritos e comarcas forestais que acompañen e asesoren as persoas nestes trámites. 

A responsable do sector considera que ademais de tratar as achegas ás normas básicas nos seus partidos a nivel estatal, “os deputados e deputadas que nos atenderon tomaran conciencia da realidade deste servizo público no medio rural”.

A CIG-Administración Autonómica acolleu positivamente a idea dunha iniciativa apoiada por todos os grupos que se dirixa ao Goberno na defensa das competencias propias de Galiza, e duns estatutos marco que protexan a seguridade e saúde do persoal.

Pola súa banda os grupos parlamentarios comprometéronse, o BNG a presentar unha pregunta parlamentaria sobre a vacinación do servizo de incendios e preocuparse polo estado das normas. O PSG a contactar cos representantes estatais para a redacción das leis de bombeiros e Axentes, e o PPG a falar co Conselleiro de Sanidade “para pór fin a esta humillación e falta de respecto por non ter vacinado o persoal do servizo de incendios antes da campaña de alto risco”.

Todos os grupos quedaron en manter vindeiras reunións para afondar en reunións centradas en áreas especificas de Medio Rural e Función Pública.

Volver