A plataforma de auxiliares de Alcoa San Cibrao apoia as reivindicacións do persoal de Reymogasa

Secundará as mobilizacións convocadas para esixir unha subrogación con todos os dereitos

Cervo -

A plataforma coordinadora de traballadores/as das industrias auxiliares de Alcoa San Cibrao vén de trasladar o total apoio ás reivindicacións do persoal de Reymogasa e ás mobilizacións que teñen convocadas para esixir que a subrogación á nova empresa, Dominion I&I, se faga con todos os dereitos e garantías. Dende a plataforma xa anunciaron que apoiarán as mobilizacións que convoque este persoal e apelan á solidariedade do resto de compañeiros e compañeiras das auxiliares.

"A reivindicación dunha subrogación que garanta o 100% das condicións laborais actuais é unha petición xa non digna é necesaria, senón unha petición que non fai máis que esixir o recollido no convenio provincial da siderometalurxia de Lugo", asevera o voceiro do colectivo, Enrique Rocha.

Obriga de cumprir co establecido no convenio

Hai que indicar que Dominion I&I resultou adxudicataria do contrato no departamento de Dixestión, logo de que Reymogasa renunciara a seguir prestando servizos. Porén, a nova empresa pretende levar adiante á subrogación á que está obrigada, mais sen cumprir co establecido no convenio do metal. Diante deste ataque, o persoal acordou suspender a realización de horas extraordinarias e convocar mobilizacións para o mércores 15, o xoves 16 e o venres 17 de xaneiro, entre ás 05 e ás 08 da mañá.

A este respecto, dende a plataforma coordinadora das auxiliares, reclaman tanto á Dominion como, de maneira subsidiaria a Alcoa, "que cumpran coa legalidade vixente, que non é outra que o convenio provincial e o convenio da empresa Reymogasa".

A plataforma traballa na convocatoria dunha manifestación conxunta

Doutra banda, o Rocha informou que a plataforma continúa a traballar na convocatoria dunha manifestación conxunta de todos os traballadores e as traballadoras da industria auxiliar de Alcoa, na que entre outras cuestións, se solicitará a subrogación dos operarios de Reymogasa, a readmisión dos compañeiros despedidos en Industrias Xove e a fin da discriminación  por sexo das mulleres, que perciben salarios por debaixo do que cobran os homes, así como reivindicar o persoal das  auxiliares como traballadores/as directos/as da planta de San Cibrao.

Volver