A plataforma de auxiliares de Alcoa San Cibrao denuncia que a empresa antepón o beneficio á saúde

Reclama que se reduza a presenza de persoal
Cervo - 17 Mar 2020

A plataforma das auxiliares de Alcoa San Cibrao denuncia a neglixente xestión da crise do coronavirus por parte da dirección da multinacional do alumunio que, lonxe de realizar e coordinar un plan para redución ao mínimo posíbel a presenza de traballadores/as na planta “busca a maneira de aumentar quendas e presenza en horas do persoal, que se ve obrigado a facer nalgúns casos incluso horas extraordinarias”.

Neste senso, o voceiro da plataforma, Kike Rocha, lembra que o Ministerio de Saúde solicitou que se poña no seu coñecemento a dotación de máscaras, gafas de seguridade e EPIS de dotación sanitaria que existen na fábrica. Porén, sinala, “xa que non reducimos traballo senón que o aumentamos, tamén incrementamos o gasto destes equipos correndo así o risco de quedar sen dotación destes ou sen poder entregalos se procedese ás administracións públicas”.

Dende a plataforma critican tamén as escasas medidas de hixiene, que cualifican de “tomadura de pelo”, xa que a entreda se fai por un torno que se abre con sistema dactilar, as máquinas de auga ou expendedoras non se descontaminan, etc.

“Alcoa está primando a produción por enriba da saúde e hixiene dos traballadores e das traballadoras da factoría, e polo conseguinte das súas familias. Solicitamos a Alcoa que cumpra coa responsabilidade que ten nestes momentos e pense na saúde dos traballadores/as e das súas familias”, alertan.