A Plataforma de auxiliares presenta denuncia na Inspección polo peche patronal decretado hoxe por Alcoa

Aproveitando a convocatoria de folga na principal, a empresa impediulle ao persoal das auxiliares acceder ás instalacións

A Mariña -

As organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT presentaron hoxe denuncia na Inspección de Traballo contra a multinacional do aluminio por decretar un peche patronal e impedirlle aos traballadores e traballadoras das contratas e subcontratas acceder á fábrica para realizar o seu traballo con normalidade. Cómpre subliñar que a folga indefinida que comezou hoxe está convocada polo comité de empresa de Alcoa e afecta ao persoal da principal, e non será até mañá, martes 21, cando se faga efectiva legalmente a convocatoria de paro xeral nas auxiliares.

Ao non estar cubertos pola convocatoria de folga, os traballadores e as traballadoras das auxiliares acudiron hoxe ao seu posto con normalidade, pero para a súa sorpresa Alcoa "non nos permitiu acceder ao complexo industrial para realizar as súas tarefas, decretando un peche patronal absolutamente ilegal", critica Kike Rocha, delegado da CIG e voceiro da plataforma coordinadora de auxiliares.

Rocha denuncia que Alcoa está utilizando a convocatoria de folga como escusa para parar a produción, reducir a carga de traballo e aforrar cartos a conta do conxunto do persoal. Diante desta vulneración de dereitos, xa foi presentada denuncia na Inspección de Traballo para que adopte as medidas oportunas, "pois a empresa non ten potestade para vulnerar o dereito ao traballo e decidir que persoal pode acudir ou non ao seu posto".

Para Rocha este "é un exemplo máis do escaso respecto que Alcoa ten polos dereitos do persoal das auxiliares, que se suma á nula vontade da empresa para abordar na mesa de negociación a problemática específica deste colectivo laboral formado por máis de 1.000 traballadores/as".

Volver