A Plataforma Galega chama ao boicot contra as reválidas de Primaria e ESO

Chaman a non baixar a garda na loita contra a LOMCE e as políticas educativas do PP
Nacional - 07 Mai 2018

Representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (PGEDEP) presentaron en rolda de prensa a campaña de boicot contra as denominadas oficialmente como “avaliacións individuais e finais” impostas unilateralmente polo Partido Popular na LOMCE. Animan a darlle continuidade ao éxito do boicot de cursos anteriores e a non baixar a garda na loita contra a LOMCE e o control político neoliberal da educación.

Desde a Plataforma incidiuse en que foi a loita e a resposta social contra a LOMCE durante estes últimos cinco anos as que provocaron que a dereita dera marcha atrás na consolidación do carácter académico e vinculante das reválidas para a titulación. Sen embargo, alertaron de que esa marcha atrás non é definitiva e que é preciso seguir mobilizándose para botar abaixo a LOMCE e, en particular, estas reválidas.

As reválidas ou as probas do Informe PISA: dúas caras da mesma moeda.

A publicación no DOG das ordes que regulan as reválidas coincide este curso coa aplicación das probas PISA nun número indeterminado de centros escolares galegos que, como no caso das probas externas de 6º de Primaria e 4º da ESO, a Consellaría ocúltalle á comunidade educativa, como unha mostra máis do escurantismo e a falta de transparencia coa que actúa o goberno galego.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, incidiu que “ambas probas, PISA e reválidas, responden ao mesmo interese de introducir elementos de control académico e curricular por parte dos gobernos que obedecen fielmente os mandatos de organizacións sen control democrático como a OCDE e os grandes lobbys editoriais e do mundo das empresas privadas do ámbito educativo”.

As probas externas aos centros, sacralizadas pola LOMCE, implican –en palabras de Bermello- “unha subordinación dos contidos curriculares a eses intereses, xerarquizando as diferentes materias e introducindo elementos de tensión innecesaria no alumnado. Supoñen, ao tempo, un desprezo absoluto ao profesorado, despoxado do seu papel central no proceso de ensino-aprendizaxe e sometido a un control que busca eliminar ou restrinxir ao máximo a liberdade de cátedra e a autonomía tanto do profesorado individualmente como dos propios centros educativos”.

O papel que os gobernos español e galego queren asignarlle ao profesorado, coa introdución de elementos de control propios da empresa privada como a estandarización dos currículos e as probas externas, é a de simple correa de transmisión dun modelo educativo alleo á realidade social e cultural do alumnado. A Plataforma Galega fai unha defensa a ultranza da avaliación continua fronte ao modelo neoliberal, xerarquizante e clasista da LOMCE e defende unha educación integral na que non existan materias de primeiro e segundo nivel e onde o alumnado, especialmente aquel con necesidades específicas de apoio educativo, non sexa segregado nin estandarizado.

Suso Bermello fixo especial fincapé no éxito das campañas de boicot nos últimos cursos, chegando a que máis do 80% das familias non enviaran os seus fillos e fillas aos centros nos días nos que se desenvolveron as probas de Primaria e conseguindo finalmente que a proba de 4º da ESO non tivera valor académico. En representación das ANPAS, Xosé Bustelo informou da intención das asociacións de nais e pais de oporse de novo ás reválidas e solicitou un esforzo das familias para facer fronte aos problemas de conciliación laboral e familiar e non enviar as crianzas aos centros.

A reválida en 3º de primaria, fixada para os días  23 e 24 de maio, terá carácter censual polo que estaría chamado a facelo todo o estudando deste nivel. No caso das avaliacións finais de Primaria e a ESO, nos días 29 e 30 de maio, terán un carácter mostral e neste momento descoñécese o número de centros propostos así como os supostos criterios para seleccionalos, exactamente igual que coas probas PISA.

Unha Consellaría escondida e asentada no inmobilismo

A loita contra as reválidas nestes cursos pasados causou como reacción un auténtico exercicio de cinismo por parte de Consellaría, que se preocupou de tentar desmobilizar as familias restándolle importancia a estas reválidas, incidindo no feito de que non teñen valor académico. “Non hai mellor maneira de negar a súa relevancia que anulándoas por completo”, afirmou o portavoz da Plataforma Galega, Suso Bermello. En todo caso, a estratexia do goberno galego responde ao ditado do PP desde Madrid de manter un perfil baixo ao respecto da LOMCE. Así se evidenciou na fraude que supuxo a Subcomisión do Congreso para un Pacto pola Educación coa que o PP, coa colaboración de Ciudadanos, foi quen de manter inoperante a unha oposición política que só despois de ano e medio asumiu a parálise e a estafa desa negociación que denunciou desde o principio a Plataforma Galega.

Só o seguidismo cego e sen fisuras que a Consellaría practica coas ordes que lle chegan da rúa Xénova permite entender que se sigan a dilapidar cartos públicos na realización dunhas probas que non teñen ningún percorrido nin resultado de relevancia, ao tempo que os problemas que acusa a educación no noso país seguen lastrando toda posíbel recuperación, tanto no número de profesorado e na resposta ás súas demandas como na redución das rateos ou a mellora da atención á diversidade.

A necesaria avaliación do sistema educativo en Galiza comeza pola Consellaría.

A Plataforma Galega defendeu a necesidade de avaliar o funcionamento do propio sistema educativo en base ao diñeiro e recursos destinados á educación no marco dos orzamentos da Xunta, aos cadros de persoal co que dota os centros públicos, aos profesionais destinados á atención a diversidade, á obriga de impartir materias afíns, ao agrupamento de alumnado de diferentes idades, á política de axudas para libros de texto e de material escolar, á xestión do transporte escolar ou ao pago polo uso do comedor escolar.