A Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública rexeita a universidade privada de Abanca

Concentráronse diante do Parlamento para demandar que o PP non aplique o ‘rodete’ e aprobe o proxecto
Nacional - 25 Mai 2021

A Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública concentrouse esta mañá diante do Parlamento de Galiza, coincidindo co debate e toma en consideración do proxecto de lei co que o PP, aplicando o seu rodete, abre o camiño a Abanca para a creación da que sería a primeira universidade privada en Galiza.

Así o denunciaba no decurso da mobilización o secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, quen aseguraba que “o Partido Popular vai agasallar ao señor Escotet e a súa camarilla cunha universidade privada. A primeira universidade privada do país, despois de regalarlle o aforro do pobo galego”. Unha licenza universitaria que lle vai dar a posibilidade de “enriquecerse e de segregar a parte do alumnado da universidade pública, nomeadamente a aquel que teña máis recursos”.

Bermello considerou “impresentábel” e “improcedente” a proposta de Abanca,xa que a oferta da súa universidade privadaserá “redundante e coincidente” coa que hoxe teñen as tres universidades publicas do país, o que“vai en contra da propia lei do sistema universitario galego”.

O secretario nacional de CIG-Ensino considerou que estamos ante un proxecto que responde a intereses do gran capital galego e advertiu de que “vai ser un torpedo na liña de flotación do sistema universitario público” en Galiza.

Problema de financiamento para o sistema universitario público

Neste sentido considerou “que o que se vai producir aquí é unha fuxida do capital privado que nestes momentos chegaba a acordos de colaboración para proxectos de investigación coas universidades públicas para investilos directamente na universidade privada”. Un problema de financiamento que se agravará ademais coa perda de alumnado.

Bermello augurou ademais que esta universidade buscará atraer a alumnado con alto poder adquisitivo, procedente de familias acomodadas, ou a aquel de familias que decidan endebedarse porque non dan entrado na universidade pública. Alumnado ao que se lle proporcionará un título introducindo, de paso, “o modelo americano de endebedamento para que acaben pagando durante moitos anos a súa carreira” porque, explicou, “falamos de que a diferenza de prezos é exponencial, de até 5 veces máis, chegando aos 17.000 euros nos catro anos de carreira”.

O secretario nacional de CIG-Ensino puxo en cuestión ademais, a calidade das ensinanzas que se proporcionan no sistema privado porque “poden contratar a quen queiran, como queiran, sen a capacitación e a cualificación que ten o profesorado universitario do sistema público, que pasa por un sistema de control moi exhaustivo e onde o sistema de acceso a esas prazas para o estudantado non será tan rigoroso como o que hai na universidade pública”. Unha situación que se confirma nos diferentes informes que sitúan á universidade pública, no Estado español, por diante da privada canto a calidade dos estudos.

Nicho de mercado

Para Suso Bermello tras da creación de todas as universidades privadas “hai unha clara intencionalidade: facerse cun nicho de mercado no ensino superior a polo que queren entrar as grandes empresas multinacionais co obxectivo de acaparar fondos e lucrarse”. E iso é o que pretende facer Abanca co seu proxecto de universidade privada, co beneplácito do Partido Popular”.

Unha vez isto se confirme Bermello advertiu de que virán outras universidades privadas como a vinculada á CESUGA que tamén está arroupada por potente capital da cidade da Coruña. “Van intentar por todos os medios retirar alumnado do ensino público e provocar unha baixada da demanda no sistema público. Iso recortará a oferta na universidade pública, como xa vén facendo nos últimos anos a Xunta. A consecuencia é clara: cada vez haberá máis opción na privada e cada vez adelgazará máis a oferta na pública, con recorte de postos de  traballo, mais tamén recortes do emprego indirecto que se crea nas cidades, sobre todo nas de tamaño medio, arredor das universidades”.

Bermello lembrou que xa o Consello Económico e Social de Galiza e as tres universidades, e non só os tres sindicatos que conforman o cerne da plataforma galega, CIG, CCOO e UGT, dixeron que era improcedente  esta privatización.

Concentracións en todos os campus e manifestación en Compostela

Por iso anunciou que a Plataforma xa ten previstas concentracións para o vindeiro día 2 de xuño nos 7 campus do país e unha manifestación nacional para o sábado 12 de xuño en Compostela, con saída ás 12:00 horas da Alameda compostelá e finalización nas Praterías.

Mobilizacións ás que chamou a participar a sociedade galega para que responda “diante do que vai ser un enorme problema de cara ao futuro se finalmente se perpetra este roubo á universidade pública do país”.

Concentracións, día 2 de xuño nos 7 campus, ás 11:00 horas

Santiago de Compostela. Reitoría da USC. Praza do Obradoiro.

Lugo. Biblioteca Intercentros. Rúa Bernardino Pardo Ouro.

A Coruña. Facultade de Informática. Campus Universitario de Elviña.

Ferrol. Vicerritoría Ferrol. UDC. Rúa Doctor Vázquez Cabrera

Vigo. Reitoría da UVigo. Campus Universitario de Vigo. As lagoas, Marcosende.

Pontevedra. Facultade de Ciencias Sociais. Campus Universitario da Xunqueira,

Ourense. Facultade CC Educación e Facultade de Historia. Campus As Lagoas, Edificio de Ferro.