A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público apoia a folga xeral estudantil do 16 de novembro

"O PP demostra co seu desleixo que a educación ten prioridade cero na súa acción de goberno"
Santiago - 09 Nov 2017

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público trasladou o seu apoio á convocatoria de folga realizada por Erguer. Estudantes da Galiza para o vindeiro 16 de outubro e á que está chamado a participar todo o alumnado, tanto do ensino secundario como do superior, ao entender que responde á necesidade de facer fronte á involución que a LOMCE e os recortes educativos supuxeron e seguen a supoñer na actualidade.

Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá, o portavoz da Plataforma, Suso Bermello, lembrou a parálise de todo o relacionado coa LOMCE que se vive a nivel estatal desde o inicio da lexislatura. "O goberno do PP está aproveitando a conxuntura para implantar a LOMCE de facto e conta cunha oposición en Madrid que incumpre os seus compromisos e non é quen de impedir que a modificación da lei permaneza atascada nunha subcomisión do Congreso, da que nada se sabe e que non é máis que un paripé para dar a entender que existe un debate arredor da súa implantación", asevera.

Así pois, "con este desleixo absoluto", engade o portavoz da Plataforma Galega, "o goberno do PP non fai máis que demostrar que a educación ten prioridade cero nos seus plans e que pretende ir implantando esta lei coa mesma unilateralidade e autoritarismo que caracterizou toda a tramitación da LOMCE".

No mesmo sentido pronunciouse a voceira de Erguer, Iria Figueroa ao lembrar que "tras a suspensión das reválidas o pasado curso, após seren amplamente contestadas pola comunidade educativa, neste ano escolar a LOMCE pasa sen pena nin gloria, esquecida no debate político. Unha vez eliminado o aspecto da lei que xerou máis escándalo, esta parece agora inofensiva, cando é evidente que o problema da LOMCE é de fondo: de modelo e de proxecto. É por isto que é necesario plantarlle cara e exixir de novo a súa derrogación para que non caia no esquecemento público que interesadamente está a buscar o Ministerio”.

Recortes no ensino público

Pero a convocatoria de folga vai máis aló de estar centrada só na LOMCE ou no Decreto do 3+2 nas Universidades. Os sucesivos recortes e o desprezo cara a toda a comunidade educativa que viñeron realizando os gobernos da Xunta e de Madrid no ensino galego nos últimos anos tamén están enriba da mesa como causas deste paro estudantil.

A redución das bolsas e das axudas ao estudo, a masificación das aulas, a ausencia de profesorado especialista nalgunhas materias ou a non oferta doutras por falta de efectivos (por causa de todo o que ten que ver coas afíns e coa non convocatoria de amplas ofertas de emprego que cubriran cando menos as xubilacións), a alta taxa de interinidade na docencia que leva a que non existan cadros estábeis nos centros que permitan a posta en marcha de plans de mellora da calidade do ensino, son outras das realidades ás que se enfronta cada día o estudantado galego.

Sen esquecer os recortes en todo o relacionado coa atención á diversidade e aos programas de reforzo educativo, as carencias nalgunhas infraestruturas e no equipamento dos centros, o peche de unidades e de ciclos, o aumento dos servizos de pagamento tanto no ensino universitario como no medio, o endurecemento do acceso á Universidade ou ao ensino superior para as persoas con menos recursos promovendo unha educación elitista.

Pola defensa dunha Lei Galega de Educación

A folga servirá tamén para defender un marco legal propio a nivel galego en forma de Lei Galega de Educación. A voceira de Erguer explicou que a comezos de curso fixeron asembleas abertas en 70 centros públicos galegos para artellar propostas que se puideran incluír nesta norma e que o pasado 16 de outubro celebraron un referendo, obtendo un 94% de apoio a ditas propostas. Alén de presentarlle estes resultados á Consellaría para que rectifique as súas políticas, Iria Figueroa aproveitou tamén para pedirlle ao goberno da Xunta “que aposte por un modelo educativo radicalmente distinto, verdadeiramente pedagóxico e baseado na formación práctica e na avaliación continua, no canto de fundamentarse en probas puntuais que marcan por completo o noso futuro académico”.

A situación da impartición de aulas no noso idioma tamén ten un papel central no deseño dunha Lei propia, co urxente impulso da normalización do idioma, tras anos relegado a un segundo plano primeiro co Decreto de Plurilingüismo e despois coa propia LOMCE. “Faise necesario un aumento das horas lectivas impartidas en galego e comezarmos a incluír nos currículos das distintas materias todos aqueles aspectos da nosa historia e cultura propias que son relegados ao esquecemento pola uniformización do que estudamos cos contidos do resto do Estado español”, engade Figueroa.

Por último fixo un chamamento a participar nesta convocatoria de folga estudantil “co obxectivo de lembrarlle ao PP que as súas políticas teñen enfronte a todo o estudantado galego”. Ao tempo, desde a PGDEP anímase ao profesorado e ás nais e pais e facilitar a participación en todas as mobilizacións previstas para a xornada de folga en todo o país.

Manifestacións o día 16, ás 12 horas
  • Ferrol. Edificio da Xunta.
  • A Coruña. Praza de Vigo.
  • Santiago de Compostela. Alameda.
  • Melide. IES de Melide.
  • Pontevedra. Praza da Peregrina.
  • Vigo. Praza América
  • Ourense. Subdelegación do Goberno.
  • Lugo. Praza do Seminario

Tamén haberá concentracións, ás 12 horas, en:

  • Lalín. Praza da Igrexa.
  • Vilagarcía. Praza de Galiza.
  • Cangas. Praza do Concello.
  • Moaña. Praza do Concello.