A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público chama a boicotear as reválidas de Primaria e ESO

Denuncia que o PP insiste en impor unha lei que ten os días contados

Nacional -

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público anima a darlle continuidade ao éxito do boicot de cursos anteriores e a non baixar a garda na loita contra a LOMCE mentres o Partido Popular non asuma, como xa fan outras comunidades, o fin da mesma.

A loita contra as reválidas nestes cursos pasados causou como reacción un auténtico exercicio de cinismo por parte de Consellaría e chega este ano xa ao absurdo de insistir, posto que os resultados electorais da pasada fin de semana deixan claro o fin da LOMCE.

Reválidas en Primaria e ESO

A reválida en 3º de primaria, fixada para os días 28 e 29 de maio, terá carácter censual polo que estaría chamado a facelo todo o estudando deste nivel. No caso das avaliacións finais de Primaria e a ESO, tamén nos días 28 e 29  de maio, terán un carácter mostral e neste momento descoñécese o número de centros propostos así como os supostos criterios para seleccionalos.

A plataforma non entende que “a Consellaría siga a dilapidar cartos públicos na realización dunhas probas que non teñen ningún percorrido nin resultado de relevancia, ao tempo que os problemas que acusa a educación no noso país seguen lastrando toda posíbel recuperación, tanto no número de profesorado, como na resposta ás súas demandas ou na redución das rateos ou a mellora da atención á diversidade”.

Fai unha “defensa a ultranza da avaliación continua fronte ao modelo neoliberal, xerarquizador e clasista da LOMCE” e defende unha educación integral na que non existan materias de primeiro e segundo nivel e onde o alumnado, especialmente aquel con necesidades específicas de apoio educativo, non sexa segregado nin estandarizado.

Xa son horas de avaliar á Consellaría

A Plataforma propón avaliar o funcionamento do propio sistema educativo en base ao diñeiro e recursos destinados á educación no marco dos orzamentos da Xunta, os cadros de persoal co que dota os centros públicos, os profesionais destinados á atención a diversidade, á obriga de impartir materias afíns, o agrupamento de alumnado de diferentes idades, a política de axudas para libros de texto e de material escolar, a xestión do transporte escolar ou ao pagamento polo uso do comedor escolar.

O resultado desta avaliación sería claro: un clamoroso suspenso para o goberno do Partido Popular en Galiza.

Volver