A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público mobilizarase contra a LOMCE, as reválidas e os recortes

Ten convocada unha concentración para o mércores 14 de setembro, ás 11:30 horas, diante da Consellaría de Educación
A Coruña - 13 Set 2016
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público concentrarase o mércores 14, diante da Consellaría de Educación contra a aplicación das reválidas e para denunciar a falta de profesorado, de prazas e de recursos no ensino público. Así o adiantou o colectivo nunha rolda de prensa na que tamén fixo un repaso das necesidades do sistema educativo e das carencias que se evidencian nun inicio de curso “marcado pola decisión do goberno en funcións de seguir implantando a LOMCE de costas á sociedade”.

Anxo Louzao, en representación da PGDEP, advertiu que vai ser un curso conflitivo xa que “o PP continúa obsesionado por implantar a LOMCE e as reválidas, este ano tamén en 4º da ESO e 2º de Bacharelato, cando as de 3º e 6º foron rexeitadas por máis do 80 por cento das familias. O único sensato, racional e democrático -cun goberno que está ademais en funcións- é paralizar a LOMCE e que o acceso á Universidade continúe como até o de agora”.

Louzao lembrou ademais que a esta altura nin sequera se coñecen o deseño, as características e o contido destas probas que son unha “crueldade “ para o alumnado.

Menos unidades e escolas

Nesta comparecencia deuse conta tamén das carencias neste inicio de curso que empeza con 64 unidades e 13 escolas menos cando o ensino privado concertado, que mantén unha posición clara de beneficio e aposta descarada, terá 38 unidades máis e recibe 250 millóns de euros. No ensino público máis de 200 unidades superan as rateos máximas estabelecidas e en numerosos casos fanse agrupamentos con rapaces e rapazas de diferentes cursos e niveis.

Xunto a isto, a Plataforma denunciou que a falta de profesorado, nomeadamente de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e de Orientación, agrávase este ano porque hai prazas a tempo total que a Consellaría transformou en prazas a tempo parcial. Ao tempo  máis de 3.000 familias quedan sen prazas no ensino infantil –de 0 a 3 anos- e “como, todos os anos, máis de 4.000 alumnos e alumnas non van poder estudar o ciclo de formación profesional que queren”.    

Situación grave para o galego

A PGDEP subliñou a grave situación pola que atravesa o galego no ensino, que ten unha hora menos -a que se incrementa en Matemáticas, porque é unha materia de obrigada impartición en castelán- nun contexto no que nin sequera o 15 % do alumnado recibe as clases en galego, como lle correspondería, con niveis, como FP, “nos que nin sequera hai materiais en galego e mentres a Consellaría segue sen facer a avaliación do proceso de normalización  que incluso se recolle no decreto de plurilingüísimo”.

A Plataforma tamén lembrou que a gratuidade é unha falacia e que máis do 40% das familias teñen que enfrontar gastos en libros de textos, gastos de comedor e de actividades extraescolares “que moitas veces se ofertan só polo compromiso das ANPAs, diante da falta de alternativas por parte da Xunta”.

“Diante desta situación na que a igualdade de oportunidades segue a ser unha materia pendente, na que a falta de profesorado e o encarecemento do ensino é cada vez maior, na que as condicións de traballo cada vez son máis precarias e ao PP segue obsesionado con aplicar a LOMCE, non estamos dispostos a calar”, explicou Anxo Louzao.