A Plataforma galega reafirma o seu compromiso anti-OTAN e pula pola súa disolución

Anima a participar na columna galega da manifestación do domingo 26 contra a alianza militar
Nacional - 19 Xun 2022

A Plataforma galega contra a OTAN, que agrupa a máis dunha trintena de organizacións políticas, sindicais, xuvenís e socioculturais galegas, desenvolveu este domingo en Compostela unha xornada en resposta á reunión da Organización do Tratado do Atlántico Norte que terá lugar os días 29 e 30 de xuño en Madrid, coincidindo ademais co 40 aniversario da adhesión do Estado español.

Durante a contracimeira deuse lectura ao manifesto do colectivo no que se denuncia a “falacia da «autodefensa» e o rol estritamente imperialista e agresivo da OTAN” e se fixo un chamamento á participar na columna galega que asistirá á manifestación convocada en Madrid o 26 de xuño en rexeitamento á continuidade da coalición militarista.

Óscar Valadares e Susana Méndez, en representación da Plataforma, foron as persoas encargadas de dar a coñecer o manifesto “Galiza contra a OTAN”, no que se denuncia o carácter imperialista e agresivo da Alianza; o entusiasmo da Unión Europea na sinatura de pactos militares expansionistas; e os tratados de libre comercio metidos pola forza entre os acordos militares para beneficio do grande capital transnacional e das elites.

No comunicado chámase a atención sobre o papel subsidiario do Estado español (que hai 40 anos ratificou a súa adhesión á OTAN) e da Xunta de Galiza e a entrega de equipamentos, instalacións e recursos do noso país “para alimentar esta maquinaria bélica”.

A Plataforma galega lembra que despois de 73 anos do seu nacemento e coa URSS e o bloque soviético desaparecidos, lonxe de se autodisolver, “aquela pretendida forza de autodefesa, responsábel por 70% do gasto militar global e cun orzamento de máis de 2% do PIB mundial, continúa a protagonizar unha das maiores xeiras de violencia da historia da humanidade”.

Unha continuidade, advírtese, que pon en evidencia os seus verdadeiros obxectivos: a expansión imperialista (agora recorrendo ao control e implantación de gobernos teledirixidos); e a consolidación da hexemonía dos Estados Unidos de Norteamérica e das potencias imperialistas europeas, cuestionada pola emerxencia de novos polos e países capaces de exercer un contrapeso (como Rusia, China ou Irán) e a férrea resistencia de pobos como o cubano, o venezolano ou o palestino, entre outros.

Os ataques contra a República Federal da Iugoslavia en 1994, contra Serbia en 1999, contra o Afganistán en 2003, contra o Iraque en 2004, e contra a Libia en 2011 son algunhas das operacións oficiais, ás que cómpre sumar as paraoficiais e as ocultas. Casos recentes, apúntase no manifesto, son os perpetrados contra Siria e contra a Ucraína, así como os famosos voos ilegais, algún dos cales fixo escala no noso país.

Bases militares por todo o planeta

O colectivo galego denuncia a inmensa rede de bases militares por todo o planeta (as públicas e as secretas) da que dispón a coalición, “que se solapa, ademais, coas bases dos estados membros e dos parceiros, até totalizar un milleiro de instalacións en 63 países, con alcance global”.

Ademais, a OTAN ten despregadas tropas en 165 países, a miúdo baixo o paraugas formal das Nacións Unidas, xerando unha confusión que favorece os verdadeiros e ocultos intereses seus promotores; e outras veces por medio de acordos que promoven a «otanización» da ASEAN, da Unión Africana, do Xapón ou da India, e novas integracións forzadas que alargan a súa área de control.

Neste contexto, malia o pobo galego se ter manifestado histórica e repetidamente contra a OTAN e a súa axenda, cédense portos e instalacións aéreas e ponse á disposición da coalición o noso territorio para exercicios militares, adestramentos, escalas ou repostaxes, converténdonos así “en cómplices da barbarie imperialista”.

“Esta contradición comproba, máis unha vez, as consecuencias da falta de soberanía nacional e os perigos de que o papel do noso país no mundo sexa decidido e representado polo estado español, cuxas elites adhiren plenamente ao proxecto imperialista”.

Mobilización en Madrid o 26 de xuño

Por todo isto, a Plataforma comprométese a manter unha posición abertamente anti-OTAN pulando pola súa disolución, a exixir a non participación do Estado español en calquera plataforma destas características e a espallar a denuncia do imperialismo e dos seus métodos violentos.

E ao tempo anima a tomar parte na columna galega que o vindeiro domingo 26 de xuño, participará na mobilización convocada en Madrid en rexeitamento á OTAN. Para facilitar o desprazamento, a Plataforma porá un autobús dende Galiza. Toda a información sobre a viaxe e a posibilidade de apuntarse estará dispoñíbel no portal da Plataforma: https://galizacontraaotan.gal

Unha xornada de análise e debate

A contracimeira galega contra a OTAN contou coa participación presencial de Duarte Correa (profesor de Historia e analista de actualidade política internacional e xeoestratexia) e Alberte Branco (enxeñeiro, profesor e escritor, autor de Xeopolítica, pandemia e postcapitalismo), e Ángeles Díez Rodríguez (doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidade Complutense e membro da Frente Antimperialista Internacionalista (FAI) e da plataforma “OTAN no Madrid”).

Pola súa banda, Ramón Grosfoguel (sociólogo profesor na Universidade de Berkeley (California), considerado un dos maiores especialistas a nivel mundial en pensamento decolonial e referente tamén en análise xeoestratéxica) e Fernando Rivero Osuna (avogado maxister en Filosofía da Guerra, deputado da Asamblea Nacional Constituyente da República Bolivariana de Venezuela e uns dos impulsores da campaña mundial “no+OTAN”) tomaron parte na contracimeira por videoconferencia.

Nas súas intervencións analizaron a actividade da OTAN ao longo da súa historia e o papel que está a xogar a Alianza no contexto da xeopolítica actual, nun mundo marcado pola multipolaridade. Tamén se analizaron as consecuencias que pode ter unha escalada militarista a nivel mundial e presentouse a campaña mundial #No+OTAN.