
A Plataforma Galega Vivenda Xa! exixe á Xunta solucións urxentes ante a crise da vivenda

A Plataforma Galega Vivenda Xa! concentrouse esta mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, coincidindo coa presentación, no rexistro, dun documento coas súas demandas para abordar a crise da vivenda, unha das principais preocupacións da sociedade galega. Iria Nande, portavoz da plataforma, denunciou a falta de celeridade das autoridades ante un problema que limita o desenvolvemento vital de milleiros de persoas, pero sobre todo da mocidade.
Nande destacou a gravidade da situación, sinalando que a vivenda é “unha das principais preocupacións da sociedade galega” e un atranco para a vida das persoas. Criticou que “as autoridades non se están tomando con suficiente preocupación e con suficiente celeridade medidas para atallar este problema” e sinalou que a plataforma propón medidas concretas para ampliar o acceso á vivenda e mobilizar o parque existente.
Banco galego de vivenda pública
Entre as demandas, Nande subliñou a necesidade de regular, en primeiro lugar, “o uso das vivendas turísticas, crear un banco galego de vivenda pública” e solicitar “a transferencia das vivendas da Sareb que están en condicións de habitabilidade para empezar a amplificar este parque de vivenda”.
Propuxo, ademais, non só construír vivenda pública senón tamén rehabilitar vivendas construídas que non están no mercado, incentivar a incorporación de inmobles baleiros e declarar zonas tensionadas nas vilas e cidades que cumpran os requisitos.
Para mobilizar vivendas baleiras, Iria Nande explicou que se podería poñer en marcha “un programa de axudas para esa rehabilitación condicionado a logo alugar esas vivendas a un prezo taxado” para inmobles que precisen reformas, e “algún tipo de medida fiscal que incite os propietarios a poñelas no mercado” para os que xa son habitables. A portavoz instou á Xunta a priorizar estas accións para frear a especulación.
Nande tamén apelou á colaboración doutras administracións, destacando que o Estado, a través do Ministerio de Economía, debería facilitar “a construción dese banco de vivendas” transferindo as vivendas baleiras da Sareb. Aos concellos, pediu que promovan “as declaracións, a solicitude para que se declare zona tensionada”; que adopten “regulamentos locais que poden incitar a que os propietarios poñan no mercado vivendas en condicións de habitabilidade e a regulación tamén das vivendas de uso turístico a nivel municipal”.
A Plataforma Vivenda Digna, Xa! urxe á Xunta, ao Estado e aos concellos a traballar conxuntamente para garantir o dereito á vivenda, mobilizando recursos e regulando o mercado.