A Plataforma insta as tres universidades a asumir un compromiso na defensa dunha institución galega, pública e presencial

A presencialidade e un elemento esencial da educación superior

Nacional -

A Plataforma Galega pola Universidade Pública vén de emitir comunicado en rexeitamento ao intento da Xunta de Galiza de artellar un plan para converter en semipresencial ou a distancia os títulos académicos impartidos nas tres universidades galegas e facendo unha chamada de atención sobre as consecuencias pedagóxicas e laborais deste modelo, no marco do debate que se está a producir con respecto á planificación do vindeiro curso.

A seguir reproducimos o comunicado da plataforma:

A Plataforma Galega pola Universidade Pública botou andar, como un lugar de encontro de organizacións sindicais e estudantís aberta a todo tipo de entidades e asociacións do país nun momento transcendental, cando a maquinaria da Xunta viña de poñerlle unha alfombra vermella a Abanca para permitir a creación da primeira universidade privada en Galiza.

Nestas últimas datas asistimos con asombro a unha nova irrupción da Xunta, neste caso cunha proposta denominada “Programa de transformación á docencia innovadora no SUG”. O propio nome era claramente indicativo do concepto que o goberno galego ten das actuais universidades (porque se algo se pretende facer innovador será porque se entende que non o é), da visión de futuro que o actual goberno ten do SUG (liquidar ou deixar moi deteriorada a presencialidade como un factor central da universidade e entregar parte do “negocio” a unha entidade privada que engordou grazas ao regalo que se lle fixo dos aforros das galegas e galegos).

"Queremos chamar a atención da comunidade universitaria e da sociedade en xeral sobre o risco que pode implicar unha sacralización da ensinanza virtual ou semipresencial en calquera ámbito educativo"

 A presión en todos os niveis obrigou á Xunta a retirar unha proposta que implicaba un cambio de modelo que suporía o desmantelamento do sistema universitario público de calidade, coa entrega á Fundación Empresa Universidade (FEUGA) e a unha consultora externa un proceso masivo de liquidación dos títulos presenciais coa finalidade de que no curso 2021-2022 a maioría deles sexan semipresenciais,  impartíndose toda a docencia teórica online.

A Xunta buscaba, con esa  iniciativa, restar autonomía ás universidades públicas, desfigurándoas e facendo que perdese a súa esencia como espazo de produción e intercambio de coñecemento, ideas e vivencias; como referentes da investigación, a innovación e como alicerce do progreso e avance dun país.

Nun primeiro momento os reitores presentaron un  documento baixo a denominación de “Plan de impulso e consolidación das competencias dixitais como apoio á docencia presencial no SUG”, que compartía co documento presentado pola Xunta a implementación do ensino semipresencial permanente. O consenso inicial dos reitores quebrou e, nestes momentos, están a debate ou xa aprobabas normas de organización para o curso 2020/21 nas tres universidades galegas que xa non parten duns eixos comúns.

Desde a Plataforma Galega pola Universidade Pública queremos chamar a atención da comunidade universitaria e da sociedade en xeral sobre o risco que pode implicar unha sacralización da ensinanza virtual ou semipresencial en calquera ámbito educativo e nomeadamente no universitario.

"A implantación do ensino virtual e mesmo do semipresencial na universidade pública conduce a unha diminución das esixencias para a autorización de titulacións e ten tamén fortes implicacións laborais"

 É obvio que a incerteza sobre os escenarios nos que se poidan mover as universidades no próximo curso e mentres non se consiga unha solución sanitaria contra a covid-19 que nos permita retornar á normalidade completa, fan necesario deseñar respostas variadas e que nesas, deben ter cabida os criterios sanitarios e a obriga de ofrecer a todo o alumando dos mesmos dereitos na súa formación.

O risco que se pode correr é que a transitoriedade ou excepcionalidade queira dotarse de vocación de permanencia. Esa era a intención da Xunta e preocúpanos que poida ter aínda pegada nos plans das nosas universidades. A implantación do ensino virtual e mesmo do semipresencial na universidade pública conduce a unha diminución das esixencias para a autorización de titulacións, algo do que hai unha boa mostra nas universidades privadas no Estado.

Ese modelo ten tamén fortes implicacións laborais, cunha máis que probábel diminución dos cadros de persoal, con aumento da precariedade e con efectos negativos na investigación. Camiñar nesa dirección sería unha nefasta reconversión pedagóxica con evidentes repercusións  negativas nos eidos académicos, laborais e sociais.

Non esquezamos tampouco os efectos económicos e sociais que a presencialidade ten nas contornas das nosas universidades. Camiñar cara unha educación superior que pivote ao redor do virtual ou semipresencial suporía un efecto moi negativo no carácter socializador de todo proxecto educativo e no impacto económico nas nosas cidades.

Desde a Plataforma Galega pola Universidade Pública instamos ás nosas universidades a asumir os seguintes compromisos:
  • Defensa da presencialidade como elemento esencial da educación superior no sistema universitario galego.
  • A docencia debe fundamentarse na interacción e servirse dos avances tecnolóxicos e de comunicación para mellorar e dar reposta a urxencias como as que estamos a vivir e nunca formular unha estratexia á inversa, coa docencia ao servizo da tecnoloxía.
  • Negociar e consensuar coa representación legaldos diferentes colectivos (PDI, PAS, estudantado)todas as medidas que con carácter extraordinario se deban tomar no curso 2020/21.
  • Formación específica tanto para estudantado como profesorado e regulamentación dos criterios e dereitos para as posibles aplicacións da educación a distancia en situacións extraordinarias.
  • Garantía de que o recurso excepcional á educación virtual ou semipresencial será excepcional e non implicará ningún tipo de discriminación entre o alumnado e o persoal universitario, coa dispoñibilidade de todos os recursos tecnolóxicos e económicos precisos.

5 de xuño de 2020.

Volver