A poboación activa en Galiza cae en 21.800 persoas nun ano, segundo a EPA do III trimestre

A CIG alerta da grave situación e demanda políticas que permitan unha saída galega e xusta da crise

Nacional -

O número de persoas desempregadas en Galiza no III Trimestre de 2020 foi, segundo a EPA, de 144.800. A taxa de paro sitúase así no 11,8%. Dos datos da enquisa tírase que a poboación activa caeu nun ano en 21.800 persoas; que malia ser o sector Servizos o máis golpeado pola crise derivada da covid-19, tamén se perderon 4.400 empregos na Industria galega neste último ano ou que a perda de emprego afectou dobremente ás mulleres que os homes. Ademais, medraron, en 3.100, os fogares con tódolos seus membros activos en paro, ata acadar os 53.200.

Os datos son abrumadores e a CIG alerta de que a situación económica, laboral e social á que nos enfrontamos é gravísima. Por iso vén de pór enriba da mesa toda unha serie de medidas para que as políticas que se articulen para superala non supoñan novamente saquear á clase traballadora.

Así o expresa o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, que asegura que precisamos “unha saída galega e xusta da crise” e que se adopten toda unha serie de medidas que permitan a recuperación económica, a industrialización e a creación de emprego digno en Galiza.

Nese sentido Cartelle reclama, entre outras cuestións, o reforzo das políticas públicas nos sectores produtivos estratéxicos e no sector financeiro; unha fiscalidade máis progresiva e máis xusta; un modelo de transición enerxética xusta e, sobre todo, a recuperación dos dereitos laborais sociais e de conciliación.

“Urxe derrogar as reformas laborais, da negociación colectiva, das pensións e do desemprego de 2010 e 2012 e unha conciliación con dereitos diante das necesidades de coidados xeradas pola pandemia”, insiste.

O secretario confederal de emprego alerta ademais do “perigo que supón que para poder acceder aos fondos da UE se manteñan estas reformas”

Unha EPA con “reservas”

A análise dos datos da EPA deste último trimestre, nomeadamente a comparativa con respecto ao trimestre anterior, debe tomarse con moitas reservas, xa que o segundo trimestre de 2020 abrangue o período máis “irregular” no mercado de traballo, xerado pola covid-19, tanto no que respecta á realización das entrevistas, como á súa repercusión nas variables medidas pola Enquisa.

 A variable máis afectada foi a de “persoa parada”, por dúas razóns: ao igual que para o SEPE, para medir o paro rexistrado, as persoas traballadoras afectadas por un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) seguen considerándose ocupadas, segundo a EPA; ademais tamén  se viu afectada a condición de persoa desempregada a efectos de EPA, xa que algún dos requisitos que require a condición de parado ou parada non se podían cumprir, como, por exemplo, buscar emprego activamente.

Isto levou a que se consideraran inactivas persoas que noutra situación social serían consideradas paradas, polo que a poboación inactiva medrou fortemente. E isto explica, polo tanto, a grande redución da poboación inactiva neste último trimestre.

Estas “irregularidades” fan que a análise trimestral non sexa rigorosa, polo que tan só unha comparativa interanual nos amosa a evolución laboral galega.

Atendendo a isto, a perda de  poboación activa, 21.800 persoas nun ano, é o dato máis preocupante que se desprende dos datos do cadro anterior, agravando a terrible situación laboral en Galiza xa que, ao feito de perder poboación activa, sumáselle que é entre a poboación máis nova onde se produce este descenso.

A perda de ocupación, afecta a dous sectores: industria e servizos.

Se ben o sector servizos está sendo o máis afectado pola pandemia, e en parte podería explicar esta evolución, cómpre chamar a atención sobre a situación da Industria, que perdeu 4.400 persoas ocupadas no último ano, o que tristemente dá a razón a CIG cando fala da crise industrial en Galiza.

No que atinxe ao tipo de contrato, desde hai un ano, a maior parte das persoas asalariadas que perderon o emprego tiñan un contrato temporal, as persoas con contrato indefinido aumentaron.

Segundo o sexo, as mulleres están sendo moito máis prexudicadas que os homes.

A perda de emprego, afectou dobremente as mulleres que os homes no último ano.

Exclusión social

A pandemia puxo en evidencia as eivas do modelo capitalista e, sobre todo, a ausencia de políticas para frear a pobreza e a exclusión social. Segundo a EPA medraron en 3.100 os fogares con todos os  seus membros activos en paro, até acadar os 53.200. “Cifras alarmantes que sumadas ás anteriores obrigan tanto ao goberno español, como ao goberno da Xunta, que contribuíu coa súa inacción a que empeorara o panorama, a aprobar políticas que freen esta desastrosa situación”, conclúe o secretario confederal de Emprego da CIG.

Volver