A Policía pecha un edificio da Deputación de Ourense para evitar unha protesta do persoal da limpeza que esixe un convenio digno

O acceso ao centro cultural público, en cuxo interior se celebraba unha reunión de empresarios/as, estivo dúas horas bloqueado
Vigo - 17 Xun 2016
A Policía española pechou este xoves as portas do edificio Simeón, que acolle o centro cultural da Deputación de Ourense, para evitar unha protesta de persoal do sector da limpeza, que desenvolven mobilizacións dende hai meses para reclamar un convenio provincial digno. O acceso a inmoble público, en cuxo interior se celebraba unha reunión de empresarios/as, permaneceu bloqueado durante dúas horas.

(Galería de imaxes)

Como cada semana dende que a finais do pasado mes de maio se romperan as negociacións para renovar o convenio colectivo, un grupo de empregados/as do sector concentrouse este xoves pola mañá ás portas da sede da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) para reclamar a reanudación das conversas. Dende alí partiron en manifestación cara ao edificio Simeón que acollía unha xuntanza de empresarios ourensáns e estadounidenses organizado pola Deputación de Ourense.

Segundo explican dende a Unión Comarcal da CIG de Ourense, a intención dos traballadores/as era facerlle chegar as súas reivindicacións á patronal dende o exterior do edificio mediante berros e ruído, “mais os axentes policiais e o persoal da institución provincial pecharon as portas de acceso, producíndose algúns forcexeos”.

Deste xeito, e para evitar que a protesta puidese escoitarse, a porta principal do inmoble que acolle o centro cultural da Deputación permaneceu bloqueada por espazo de dúas horas “nun claro intento de ocultar a mobilización”.

Con todo, dende a central nacionalista adiantaron que as protestas continuarán nas vindeiras semanas xa que as negociacións para renovar o convenio seguen totalmente paralizadas. “Para o próximo xoves temos convocada unha nova concentración diante da CEO na que participarán delegados/as sindicais da CIG, CCOO e UGT de distintos sectores en apoio da loita que mantén o persoal da limpeza”.