A política na Arxentina tras as eleccións lexislativas

Julio Gambina C. -

O triunfo electoral non elimina o conflito social como parte da disputa política. De feito, as tensións de último momento asociáronse á desaparición de Santiago Maldonado, con responsabilidade directa do Estado e a represión

O macrismo consolídase como primeira minoría electoral en Arxentina, aínda que mesmo inclúe unha votación de rexeitamento ao kirchnerismo, que non debe considerarse voto fiel ao ideario e práctica de Cambiemos no goberno.

 A suma de macrismo (41,60%) e kirchnerismo (21,72%) sitúaos como as forzas máis votadas (63,32%) e confirman que son a novidade política na representación institucional da Arxentina neste século XXI.

 O radicalismo acompaña maioritariamente o PRO e tamén en menor medida se inclúe como parte no kirchnerismo. O peronismo inclúese no kirchnerismo, fóra deste e tamén minoritariamente coa alianza liderada polo PRO.

 Por iso aludimos a unha nova situación política con crise das identidades tradicionais: radicalismo e peronismo; e a urxencia de novas representacións institucionais.

 O macrismo xa non é só unha forza da Cidade de Bos Aires, senón que se estende como identidade nacional, con peso electoral nos principais distritos por poboación e peso económico, nomeadamente a Cidade e a Provincia de Bos Aires, Santa Fe, Córdoba e Mendoza. É algo que lle outorga forza na negociación cos gobernadores e as forzas políticas tradicionais na Arxentina, peronismo e radicalismo, diminuídas na súa visibilidade como expresión política.

 A votación do kirchnerismo segue a ser ampla e de carácter nacional, con expresións organizadas no movemento social. Anuncia que se sitúa como a principal forza de oposición ao goberno de Macri e intentará hexemonizar o peronismo, que nas súas variantes se presentou polo menos en tres espazos electorais. O liderado do peronismo está en disputa e Cristina Fernández pretenderá erixirse como a máis votada cara á candidatura presidencial do 2019.

 Macri é o primeiro presidente non radical nin peronista desde 1916, e aspira a constituír un novo tempo político no país baixo unha nova identidade, de dereita e con consenso electoral de masas, o que supón apoio entre os máis pobres e os traballadores.

Non todo é institucional, o conflito social existe

 O triunfo electoral non elimina o conflito social como parte da disputa política. De feito, as tensións de último momento asociáronse á desaparición de Santiago Maldonado, con responsabilidade directa do Estado e a represión.

 Trátase dun tema que continúa, á espera da autopsia e a consideración da responsabilidade estatal na morte de Maldonado, até e máis aló de ditames oficiais, a sociedade, ou unha parte dela responsabiliza o Estado e o conflito verbo do seu esclarecemento non se esgota na voz oficial.

 O movemento de DDHH e máis en xeral o movemento popular loitou contra a impunidade até lograr as leis de nulidad e os xuízos en curso; unha loita de décadas na que se pode inscribir a demanda polo esclarecemento da morte de Santiago Maldonado.

 A batalla contra as actualizacións de tarifas involucrou a votantes do macrismo durante estes anos e é previsíbel que sexan parte de novas protestas. Non debe asociarse adhesión electoral con consenso a políticas de axuste explícito que afecta a boa parte da poboación de menores ingresos.

 Unha ampliación do consenso electoral e parlamentario non significa contención do conflito social.

 Co consenso electoral pretenderase avanzar coa axenda do axuste e a regresiva reestruturación da economía, o Estado e a sociedade. Por iso alentaranse reformas diversas: laboral, de pensións, fiscal, penal, educativa, de saúde, etc.

 E non se dubide que eses intentos xerarán respostas diversas, entre os que tentarán darlle cobertura social, sexan parte da burocracia sindical negociadora, maioritaria na CGT; o xornalismo afín ás patronais da comunicación e unha intelectualidade funcional á liberalización; pero tamén se posibilita o despregamento de alternativa política popular, especialmente na construción dun novo modelo sindical, onde a unidade de acción é fundamental para construír novo proxecto sindical e popular articulado.

 As CTAs e outros ámbitos do movemento sindical teñen o desafío de superar a fragmentación e con audacia propoñer formas de organización da protesta social e xerar condicións de efectividade na construción de alternativa de poder.

 No movemento sindical, territorial e popular darase o principal espazo para a acumulación política da esquerda e un proxecto popular pola emancipación social.

 A esquerda partidaria logra 1.350.000 co 5,59% de votos, con picos moi importantes nalgúns distritos como Salta, Jujuy, Mendoza, e mesmo a entradade lexisladores nacionais. A fragmentación da proposta electoral da esquerda esvae unha maior presenza lexislativa e convida a ampliar os espazos de unidade.

 Unidade máis posíbel e desexábel no ámbito do movemento social e o conflito, territorio acaído para construír confianza para loitas institucionais próximas.

 Sen prexuízo do confronto contra o axuste, que inclúe alianzas estratéxicas e tácticas que involucran o propio kirchnerismo, o desafío pasa pola unidade ante situacións dunha axenda pola liberalización.

 Nese plano salienta a confrontación contra as reformas laborais e de pensións e outras que mencionamos antes, pero especialmente contra a axenda da presidencia Arxentina no G20 do 2018, que comeza nestes días cunha reunión en Bariloche que anticipa a ofensiva capitalista en territorio arxentino durante o próximo ano.

 Máis aínda, en decembro próximo, entre o 10 e 13 de decembro reúnese a 11° Ministerial da OMC e a programada semana de acción global contra a OMC será a oportunidade de xerar unha importante acción de masas en unidade de loita para favorecer a discusión dunha axenda alternativa ao proxecto de liberalización do goberno e as clases dominantes.

 Sexa pola axenda do axuste nacional ou as reformas reaccionarios e o aliñamento coa demanda do capital trasnacional para baixar o custo laboral e previsional e asegurar rendibilidade ao capital, o desafío instálase na potencia da unidade de acción do movemento popular e que no seu desenvolvemento se despreguen formas eficaces de articulación para a disputa do poder.

Menos consignas e máis argumentos

 Desde a esquerda e o movemento popular requírese maior capacidade de argumentación.

 O discurso postelectoral do macrismo é baleiro, asentado no consenso electoral e chamando a “seguir” no rumbo.

 Somos conscientes de que iso supón a axenda da liberalización e o axuste, a promoción dos investimentos externos e o maior endebedamento público, e que non alcanza coa oposición.

 A demanda é por construír unha acaída argumentación que non se contente coa crítica ao neoliberalismo, senón ir máis aló nunha prédica anticapitalista que poida xerar conciencia en prol de mudanzas fondas.

 O problema non é o neoliberalismo ou Cambiemos, o tema de fondo é o capitalismo. Fai falta unha proposta anticapitalista e para iso discutir máis a fondo que pasa nos sentimentos e consciencia dos sectores populares, ver como se discute contra a argumentación desde o poder.

 

[Artigo tirado do sitio web Resumen Latinoamericano, do 24 de outubro de 2017]

Volver