A práctica totalidade do cadro de persoal de Betanzos HB está secundado a primeira xornada de folga

Os/as traballadores/as colocaron cruces ás portas da fábrica para simbolizar “a morte” dos seus dereitos
A Coruña - 26 Set 2016
Practicamente o 100% dos traballadores e traballadoras de Betanzos HB está a secundar a primeira das dúas xornadas de folga convocadas na fábrica de taboleiro en defensa das condicións laborais e salariais. O seguimento do paro está tendo un éxito absoluto en todas as quendas de traballo, polo que a actividade nas instalacións está paralizada.

O persoal mantivo un piquete informativo de xeito continuado ás portas da fábrica, onde tamén colocaron cruces de madeira coas que queren simbolizar “a morte” dos dereitos que até agora tiñan recoñecidos e que a empresa pretende recortar drasticamente: salarios, complementos, fondo de enfermidade, xornada, etc.

A folga está activa dende as dez da noite do 25 de setembro e permanecerá até as dez horas do martes 27. Ese día, ás 18:00 horas, as traballadoras e traballadores teñen previsto realizar unha concentración na Praza de García Hermanos de Betanzos para dar máis visibilidade ao conflito.

Os delegados da CIG en Betanzos HB valoran moi positivamente o éxito da folga, e animan aos seus compañeiros e compañeiras a continuar na mobilización mentres a empresa non desista nas súas intencións de pasar a aplicarlle o convenio colectivo do sector da madeira. Un cambio que suporía un recorte das condicións laborais e salariais que recoñecidas no convenio de empresa que até agora regulaba as condicións deste persoal -que foi subrogado da antiga Tafiber SL a Betanzos HB-.

Postura intransixente da empresa

Hai que lembrar que a empresa comunicou á representación social que se o convenio colectivo non estaba asinado antes do 30 de xullo (data que logo ampliou a 30 de setembro) pasaría a aplicar o convenio colectivo estatal da madeira.  A data de hoxe, as negociacións están bloqueadas pola postura intransixente da empresa.

Precisamente, un dos obxectivos desta folga é que a empresa retire a súa ameaza de aplicar o convenio colectivo do sector, como primeira medida para desbloquear a situación e que garanta as condicións económicas e sociais que nestes momentos xa teñen recoñecidas.

Co cambio de convenio, a empresa pretende unha diminución salarial de máis do 15% no salario anula, un incremento da xornada anual, anulación da primas de chamada para a cobertura de ausencias imprevistas nas distintas quendas, a instauración dunha nova prima variábel de incentivos que reduciría de xeito importante o poder adquisitivo dos salarios, e a conxelación da antigüidade.

Por se non fora abondo, a dirección pretende tamén a eliminación do fondo de enfermidade e encarecer a contía que o traballador/a paga por facer uso do comedor, así como o estabelecemento dun novo sistema de vacacións, e ademais eliminar a prima de vacacións.