A práctica totalidade do persoal de IKF secunda o primeiro día de folga contra a dobre escala salarial

Os traballadores/as rexeitan tamén a liberalización horaria que pretende impoñer a empresa da Guarda
A Guarda - 31 Ago 2021

A práctica totalidade do cadro de persoal de Imerys Kiln Furniture (IKF), empresa dedicada á fabricación de materiais refractarios con sede na Guarda, secundou hoxe a primeira xornada de folga para rexeitar a dobre escala salarial que a empresa quere prolongar, a liberalización dos horarios, a maior flexibilización da xornada e o cambio no goce das vacacións que pretende impor a compañía.

O novo calendario de paros, que se desenvolverá todos os martes, mércores e xoves até o vindeiro 30 de setembro (a excepción do xoves 23, que é festivo local), chega despois da folga que tivo lugar entre o 14 e o 30 de xullo, e que foi suspendida ao iniciarse o período vacacional. Neste tempo a dirección non mudou a súa postura, polo que os traballadores/as apostaron por retomar as medidas de presión.

Nas máis de dúas semanas que o persoal estivo de folga o seguimento foi total, provocando un achegamento por parte da empresa, que amosou disposición a sentar negociar parte das demandas sociais: flexibilización da xornada anual, modificación da distribución histórica das vacacións, pago do traballo en fins de semana e festivos ou determinados complementos salariais.

Agora os paros tiveron un seguimento practicamente total, xa que unicamente entrou a traballar un empregado dos 70 que integran o departamento de produción. En consecuencia, a compañía manobrou para intentar minimizar o impacto da folga, establecendo servizos mínimos non co obxectivo de realizar labores de mantemento senón para poñer en marcha o forno coa finalidade de comezar a traballar de inmediato no caso de que o paro sexa desconvocado. Diante disto, a representación do cadro de persoal procedeu a impugnar os servizos mínimos.

Ao mesmo tempo, dende a CIG-Construción indican que o AGA está tratando de forzar unha mediación para intentar poñer fin ao conflito laboral, ao tempo que lle reclaman á Administración que teña en conta que a dobre escala salarial que a empresa pretende prolongar no tempo e a liberalización horaria que quere impoñer atentan contra a lei de igualdade e contra o dereito de conciliación da vida familiar e laboral.

Diferenzas salariais de até 5200 euros ao ano

Cómpre lembrar que, por mor do pacto asinado coa empresa polo anterior comité en 2018, as persoas que se incorporan a IKF dende ese ano ingresan entre un 25 e un 30% menos de soldo que os seus compañeiros/as da mesma categoría laboral, o que supón uns 5200 euros menos ao ano. Unha dobre escala salarial que a empresa pretende prolongar durante oito anos máis.

Xunto a isto, IKF quere que o 10% de distribución irregular da xornada permitido por lei sexa obrigatoria para todo persoal de luns a sábado, tanta de mañá como de tarde, o que se traduciría na liberalización dos horarios a dispor da empresa. Ademais, quere introducir cambios no goce das vacacións, que historicamente se viñan collendo no mes de agosto, e agora pretende que o persoal colla 15 días de vacacións en agosto e os outros 15 estean a disposición da empresa.