A limpeza hospitalaria de Vilagarcía, Ribeira e Cee secunda a folga pola equiparación laboral

As persoas traballadoras continúan a desenvolver mobilizacións en cada un dos centros en demanda dunhas mellores condicións
Vilagarcía/Ribeira/Cee - 19 Nov 2025

O persoal dos servizos de limpeza dos hospitais do Salnés (Vilagarcía), do Barbanza (Ribeira) e Virxe da Xunqueira (Cee) está a secundar hoxe masivamente as folgas convocadas para esixir a equiparación salarial e laboral coas compañeiras que prestan o mesmo traballo noutros hospitais. Coincidindo cos paros, as persoas traballadoras están a levar a cabo tamén mobilizacións nos distintos centros.

En Vilagarcía e Ribeira optouse por paros de dúas horas nas quendas de mañá e tarde (de 9:00 a 11:00 horas e de 15:00 a 17:00 horas) que están a rexistrar un seguimento total, malia os abusivos servizos mínimos impostos -do 100% en quirófanos e urxencias e de arredor do 70% no resto-, o que está a impedir que moitas das afectadas poidan exercer o seu dereito de folga. Os paros parciais repetiranse este martes 25 e o mércores 26, mentres que no mes decembro serán os días 3, 9, 10, 16, 17, 22, 23, 29 e 30. A intención é que a folga pase a ser indefinida a partir do vindeiro 7 de xaneiro.

No caso de Ribeira hai concentracións diante do hospital todos os martes, e en Vilagarcía os mércores. Aínda que a próxima semana o persoal do hospital do Salnés desenvolverá unha manifestación arredor do centro o martes e o mércores.

En Cee optouse por convocar folga de 24 horas en cada unha das tres quendas durante o día de hoxe -que está a rexistrar un seguimento de máis do 90%-, mañá día 20 e pasado día 21, datas nas que tamén se desenvolven concentracións ás portas do centro médico, de igual xeito que se fará o próximo 26 de novembro. As persoas traballadoras da limpeza deste hospital celebrarán unha asemblea este venres para decidir as seguintes medidas de presión a desenvolver durante o mes de decembro.

Dende o colectivo de limpadoras/es insisten en agradecer a solidariedade e o apoio que está a amosar persoal sanitario, de mantemento e da cociña que participa nas protestas en sinal de apoio ás súas reivindicacións.

Lembran que os servizos de limpeza destes tres hospitais están externalizados e o persoal réxese polo respectivo convenio provincial da limpeza, polo que teñen peores condicións salariais e sociais que as das compañeiras/as que realizan o mesmo traballo nos hospitais de referencia da súa área sanitaria, ao contar coas condicións equiparadas ás do SERGAS.

“Fan a mesma labor e teñen as mesmas funcións e responsabilidades, pero os salarios, permisos, descansos e a xornada son inferiores”, denuncian dende a CIG-Servizos. Un desequilibrio xa foi corrixido en Burela e no Barco, mais que segue pendente de materializarse no Salnés, Barbanza e Cee.

Por iso hai meses que a CIG solicitou unha reunión coa Consellaría de Sanidade, que optou polo silencio como resposta. En consecuencia, decidiuse avanzar colectivamente cara a unha solución que remate con esta discriminación inxustificada mediante a equiparación real e total das condicións laborais.