Case todo o persoal de GRI Towers secunda a primeira xornada de folga contra os incumprimentos laborais

Traballadores/as e delegados/as da CIG-Industria formaron un piquete que se concentrou nas instalacións da empresa no Carballiño
O Carballiño - 09 Abr 2019

A práctica totalidade do cadro de persoal de GRI Towers Galicia, transnacional dedicada á fabricación de torres eólicas con sede no polígono da Uceira, no Carballiño, secundou a primeira das seis xornadas de folga convocadas polo comité de empresa contra os reiterados incumprimentos da dirección no que ten que ver cos acordos acadados na mesa de negociación en materia de dereitos laborais e para reclamar que se paralice a externalización de produción a outras factorías.

A representación do cadro de persoal (4 delegados/as de CCOO, 4 da CSIF, 3 da CIG e 2 de UGT e) adoptou esta medida tras constatar a dificultade para normalizar a negociación colectiva en materias de obrigada negociación como xornada de traballo, organización da produción, carga de traballo ou retribucións salariais. 

Dende a federacion de Industria da CIG de Ourense valoran moi positivamente o seguimento de case o 100% do persoal nas tres quendas de traballo, xa que unicamente entraron a traballar arredor de 25 traballadores/as das oficinas, e salientan a gran implicación dos delegados da CIG na compañía, José Montoto, María Mercedes Otero, Rubén Seoane e David Corral, “que se implicaron enormemente en sacar a folga para adiante”.

Coincidindo coa folga, traballadores/as, membros do comité de empresa e delegados/as da CIG-Industria formaron un piquete informativo que se concentrou diante das instalacións situadas no polígono da Uceira dende as 6:00 horas.

Para este mércores día 11 hai convocada unha nova xornada de paro.