A práctica totalidade do persoal de UNVI en Ourense secunda o primeiro día de folga polo bloqueo do convenio colectivo
A práctica totalidade do persoal da empresa do sector da automoción UNVI de Ourense, pertencente ao Grupo Pérez Rumbao e dedicada á fabricación de autobuses, secundou hoxe a primeira das tres xornadas de folga convocadas ante o bloqueo das negociacións do convenio colectivo. Unha manifestación de persoas traballadoras percorreu as rúas da cidade ao mediodía para rexeitar tamén a pretensión da compañía de modificar o calendario laboral, que até o de agora permitía gozar de tres semanas de vacacións no mes de agosto.
Dende o comité de empresa (4 representantes da CIG, 3 da CUT e 2 da UGT) lembran que o cadro de persoal de UNVI está chamado a novos paros de 24 horas os vindeiros días 10 e 11 de decembro en resposta á actitude inmobilista da patronal e para forzar o desbloqueo das negociacións, xa que tras tres xuntanzas a dirección aínda non achegou ningunha proposta.
Con estas medidas de presión, ademais de reclamar melloras laborais, as persoas traballadoras queren amosar o seu rexeitamento á intención de UNVI de modificar o calendario laboral que até o de agora permitía coller tres semanas de vacacións no mes de agosto ao conxunto do cadro de persoal. Así o explicaron os responsábeis sindicais ao inicio da manifestación que este mediodía percorreu as principais rúas da cidade dende a Casa Sindical até a Subdelegación do Goberno.
De igual xeito, un numeroso piquete informativo concentrouse xa de madrugada ás portas das instalacións da compañía no polígono industrial de San Cibrao das Viñas.
Protesta conxunta co siderometal o sábado
Por outra banda, dende a CIG-Industria de Ourense anuncian a convocatoria dunha protesta este sábado 29 de novembro coincidindo coa celebración dun salón de vehículos de ocasión organizado polo Grupo Pérez Rumbao. Na concentración, que terá lugar nas inmediacións do establecemento de Leroy Merlín ás 11:30 horas, participarán tamén persoal do sector do siderometal para reclamar un convenio colectivo provincial digno.