A práctica totalidade do persoal de Vitrasa secunda o primeiro día de folga completa por un convenio colectivo digno

Traballadores/as da concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo mobilizáronse polas rúas da cidade e diante do consistorio
Vigo - 15 Mai 2023

O cadro de persoal de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, secundou hoxe de xeito practicamente total a primeira xornada de folga completa para forzar a empresa a negociar un convenio colectivo digno. Os traballadores/as aproveitaron para mobilizarse polas rúas da cidade e diante do consistorio.

O comité de empresa decidiu convocar nove xornadas de folga de 24 horas coincidindo coa campaña electoral das municipais, que comezaron hoxe e que continuarán os días 16, 18, 19, 22, 23, 24, 25 e 26, unha vez que a dirección lles comunicou que non vai negociar o convenio mentres o Goberno local non lle abone o reequilibrio económico para compensar a perda de viaxeiros/as con respecto a 2019.

Até o de agora os empregado/as de Vitrasa viñan desenvolvendo paros parciais en cada unha das quendas de de traballo e desenvolvendo distintos tipos de mobilización para forzar a empresa a sentarse para renovar un convenio que leva caducado dende 2020.

O paso do tempo xoga en contra dos traballadores/as, xa que a perda de poder adquisitivo é cada vez maior, de aí que optasen por endurecer as medidas de presión. Tanto as convocatorias como as mobilizacións están a ter un amplo respaldo do cadro de persoal, até o punto de que hoxe unicamente saíron á rúa os autobuses en servizos mínimos (49 de 102, tanto na quenda de mañá como na de tarde).

De igual xeito, celebrouse unha concorrida marcha a pé que partiu a primeira hora de mañá dende as instalacións de Vitrasa na estrada de Camposancos e que rematou cunha concentración diante do Concello.

Dende o comité de empresa, presidido pola CIG, salientaron o compromiso e a implicación do cadro de persoal e lembraron que durante a campaña electoral trasladarán as súas protestas aos actos que organice o candidato do PSOE e actual alcalde para reclamarlle unha solución ao conflito laboral como máximo responsábel do servizo de transporte urbano.

Para mañá martes 16 teñen convocada unha nova manifestación polas rúas da cidade que arrincará de Praza América ás 12:30 horas, percorrerá a Avenida de Balaídos até a fábrica de Stellantis e rematará na rotonda de Portanet coa Avenida de Balaídos.