A precariedade obriga o persoal dedicado á investigación sanitaria a ter que emigrar

Algunhas fundacións traballan sen convenio colectivo dende hai máis de 20 anos

Nacional -

O persoal das Fundacións de Investigación Sanitaria de Galiza non ten sequera un convenio que regule as súas condicións laborais. Investigadoras e investigadores que acaban, en non poucos casos, emigrando diante da inestabilidade laboral, a ausencia de carreira profesional ou mesmo de categorías definidas.

En 2019 conseguiran, por fin, que se crease o marco de negociación necesario para regular a súa situación, pero desde o verán suspendéronse as conversas ao cambiar a composición inicial da mesa tras un dos seus compoñentes, Julio García Comesaña, ser nomeado conselleiro de Sanidade. Desde aquela agardan o nomeamento da persoa que o substitúa na mesa negociadora. 

A investigación sanitaria é fundamental para o avance da ciencia e para afrontar situacións como a actual

Denuncian que hai investigadoras e investigadores que traballan desde que se creou algunha das fundacións galegas, hai máis de 20 anos, sen convenio e demandan que se dignifiquen xa as súas condicións.

Esta pandemia evidenciou que a globalización e a deslocalización dos centros produtivos de bens e servizos, e a dependencia que os estados teñen das empresas privadas para acceder a produtos esenciais dificultou o acceso a eses produtos. A debilidade dos estados quedou aínda máis en evidencia pola súa dependencia da investigación das farmacéuticas para atopar unha vacina pola que terán que desembolsar cantidades millonarias.

O persoal das fundacións galegas teno claro: a investigación sanitaria é fundamental para o avance da ciencia ou para afrontar situacións como as que estamos vivindo agora. En Galiza estase producindo unha auténtica “fuga de cerebros” pola falta de estabilidade e dereitos. Precisamos do seu traballo e elas e eles precisan poder realizalo en condicións dignas.

Volver