“A precarización do traballo nos coidados é violencia machista”

O V Encontro Nacional de Delegadas da CIG articula o 25N arredor desta problemática

Nacional -

 

O V Encontro Nacional de Delegadas da CIG, no que participaron preto de 250 compañeiras, acordou articular arredor do 25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, unha campaña para denunciar que “A precarización do traballo nos coidados é violencia machista”.

 

 

A secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, denuncia a explotación que está detrás de todas as actividades relacionadas cos coidados, a súa subestimación e a cada vez maior precarización. Traballos nos que as mulleres non só padecen a temporalidade e salarios miserentos, por debaixo do SMI, senón que mesmo “se ven obrigadas a realizar tarefas para as cales non están contratadas”. Isto sen EPI’s, con problemas de conciliación, acoso sexual nos domicilios, acoso laboral e por razón de sexo ou concrecións horarias da xornada con variacións diaria.

Toda unha serie de irregularidades que se cometen “coa complicidade da Xunta, dos concellos e das propias empresas concesionarias dos servizos” e que por iso, non se vai cinxir só a denunciar as condicións nos Servizos de Axuda no Fogar, senón tamén nas residencias de terceira idade, centros de día, escolas infantís ou comedores escolares.

Concentracións nos Concellos

Ademais, o propio 25 de Novembro, convocaranse concentracións en todas as comarcas e unións locais que así o decidan, diante dos Concellos, “para denunciar a hipocrisía dos gobernos que ese día amosarán o seu compromiso contra a violencia machista, cando están escravizando as mulleres que dedican a súa vida ao traballo mal pago e precario dos coidados”.

Xunto a isto, no encontro acordouse tamén participar nas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e outros colectivos feministas do país con motivo do Día Internacional contra a Violencia Machista.

Volver