A presión do persoal de ambulancias obriga a Feijóo a suspender un paseo electoral por Bueu

Os traballadores/as atópanse en folga até o domingo para reclamar un convenio colectivo digno

Vigo -

O presidente da Xunta tivo que modificar hoxe a súa axenda pola protesta dun grupo de traballadoras/es do sector de ambulancias, que se desprazaron até Bueu para trasladarlle as súas reivindicacións durante o paseo que Núñez Feijóo tiña previsto realizar pola localidade acompañado da candidata á Alcaldía.

A presenza dos empregados/as das ambulancias fixo que o máximo responsábel do Goberno galego optase por suspender o percorrido que tiña pensado facer pola vila acompañado dos medios de comunicación e da cabeza de lista do PP de Bueu e rematase por pecharse nun restaurante para celebrar un mitin.

Os traballadores/as das ambulancias, que están en folga até este domingo, continúan a reclamar que se retomen as negociacións que a patronal do sector decidiu suspender de xeito unilateral para renovar un convenio colectivo que garanta unhas condicións laborais dignas. No caso de que as partes non volvan a sentarse nos vindeiros días o paro pasará a ser indefinido a partir do mércores 20.

Volver