A loita dos traballadores/as de Vodafone logra reducir os afectados/as polo ERE

A CIG rexeita o acordo porque non se manteñen todos os empregos

Vigo/Coruña -

As mobilizacións do cadro de persoal de Vodafone, lideradas polos/as traballadores/as galegos/as da compañía de telecomunicacións, obrigaron a dirección a reducir en case 200 as persoas afectadas polo ERE extintivo a nivel estatal e a ofrecer unhas mellores condicións aos despedidos/as. Con todo, a representación da CIG rexeita o acordo asinado entre a empresa e os sindicatos UGT, CCOO e STC xa que non se conseguiu o mantemento de todos os postos de traballo.

O pacto entre as tres centrais presentes na mesa de negociación contempla que o proceso de despido colectivo afectará finalmente a un máximo de 1000 persoas, fronte as 1198 iniciais. Tamén se admitirá o total das solicitudes de voluntariedade até o límite do número de postos afectados a nivel de división, reservándose a dirección o dereito a veto. Rematado este período, e no caso de que non se chegue ao milleiro de voluntarios/as para abandonar a empresa, Vodafone aplicará o ERE forzoso até completar esta cifra.

O acordo foi sometido a votación nos centros de traballo de Vodafone en Galiza (Vigo e Coruña). No caso vigués saíu adiante con 42 votos favorábeis, 20 en contra e 23 abstencións, mentres que opersoal coruñés rexeitouno: 11 votos en contra, sete a favor e sete abstencións.

Dende a representación da CIG en Vodafone, “unha vez rematada a negociación dun proceso traumático como é un ERE”, consideran necesario sacar conclusións que sirvan “para evitar que estas cousas volvan acontecer”. En primeiro lugar, amósanse convencidos/as de que a empresa non vai cambiar a súa forma de facer as cousas: “en lugar de revisar os sistemas e os procesos para dar aos clientes un servizo máis fiábel, prefire despedir a cantas persoas sexa necesario para reducir gastos; faino cada dous anos, e nada nos asegura que non o volverá facer; de feito, só se compromete a dous anos sen outro ERE”, denuncian.

Tamén inciden na importancia da mobilización, xa que Vodafone só comezou a reducir o impacto do ERE cando se convocou unha folga de días completos. “A posibilidade dun referendo no que as cúpulas dos sindicatos non puidesen manipular os resultados tamén influíu nos últimos movementos da empresa na negociación”, sosteñen.

“Algúns sindicatos non nos defenden”

Sosteñen que se algo quedou claro, unha vez máis, é que “algún sindicato pensa máis nos intereses da empresa que nos do persoal ao que representa; primeiro, coas súas reticencias a unha folga de verdade, apostando por tímidos paros de unha hora; unha maneira de intentar quedar ben con todas as partes, que o único que fai é debilitar as protestas contra o ERE”.

Tamén critican que se lle dese a entender aos traballadores/as que habería un referendo vinculante, “cando en realidade non teñen ningunha intención de facelo, non vaia ser que a xente decida rechazar o acordo”.

Tampouco se convocaron as asembleas que serían necesarias en todos os centros territoriais para informar e implicar ao cadro de persoal, nin se lanzaron as convocatorias de folga coa antelación que sería recomendábel para asegurar unha alta participación. “Esta non é a maneira de facer as cousas se queremos realmente facerlle fronte a un despedimento masivo”, inciden.

Neste senso, entenden que sería bo reflexionar sobre a forma en que cada sindicato negociou, comunicou e defendeu a masa social. “Non podemos deixar que as mesmas prácticas se repitan unha vez máis, pois a xestión errática da empresa é probábel que nos conduza a escenarios semellantes nun futuro próximo; nas nosas mans está cambiar isto”.

"Orgullosos/as dos traballadores/as galegos/as"

Queren deixen moi claro que a representación da CIG escoitou as reivindicacións do cadro de persoal e durante todo o período de negociacións solicitou paros completos, xestionou mobilizacións que desen visibilidade ao problema, apelando ás Administracións e aos partidos do Parlamento, “tal como nos pediron os traballadores/as”. “E o máis importante: estivo ao lado do persoal e defendeu o traballo en Galiza”.

“Na CIG estamos orgullosos/as da resposta do cadro de persoal do noso país, que incluso foi posto como exemplo noutros centros de traballo do Estado; cremos que isto axudou a que se tomasen certas medidas a nivel estatal que, sen ese primeiro impulso, quizais non se chegasen a realizar ou chegarían tarde e debilitadas, como en ocasións anteriores”, aseguran.

Finalmente, sinalan que estas accións, “aínda que non conseguiron reducir o impacto no emprego como nos gustaría (talvez pola falta de seguimento noutros centros de traballo), serviron polo menos para facerlle ver á empresa que non todo vale, que estamos dispostos/as a pelexar polo noso traballo e que queremos que ese traballo sexa aquí, en Galiza”.

Outros detalles do acordo

Establécese unha compensación de 50 días de salario por ano traballado cun límite de 33 mensualidades (a primeira proposta eran 32 días de salario, cun límite de 20 mensualidades). No caso de afectados/as adheridos/as voluntariamente ao ERE esta compensación leva incluída tres mensualidades para retribuír unha non competencia de seis meses.

Para os empregados/as con salarios iguais ou inferiores a 28.000 euros fixos brutos anuais, con cando menos cinco ou máis anos de antigüidade, ademais desta indemnización percibirán unha paga lineal de 6000 euros brutos. Todo isto até un máximo de 33 mensualidades.

No que ten que ver coas prexubilacións, o persoal de 55 anos (ou máis) cumpridos a 31 de diciembre de 2019 e con 10 años (ou máis) de üedade recibirán o 85% do salario fixo neto máis o 50% neto do target do salario variábel (STIP ou Incentivos), así como o abono do convenio especial coa Seguridade Social, coa seguinte cobertura: de 55 a 57 anos, até os 63 años; de 58 a 59, até os 64 anos; máis de 60 anos, até os 65 años.

Durante 2020 manterase aberto, con carácter voluntario, o plan de prexubilacións para aquelas persoas que cumpran 55 anos durante ese ano. Así mesmo, a empresa comprométese a non levar a cabo máis despidos colectivos até o 31 de marzo de 2021

Outras cuestións pactadas teñen que ver co seguro médico de tres meses para empregados/as afectados/as e familiares e co plan social: outplacement de nove meses (incluíndo cónxuxe desempregado/a) e con garantía de extensión do programa até alcanzar o 80% da recolocación total. Adicionalmente, abonarase o 50% dun programa de formación e acompañamento para emprendedores/as maiores de 45 anos.

Volver