A primeira xornada de folga para reclamar unhas condicións laborais dignas en Coasa rexistra un seguimento masivo

O paro de 24 horas foi secundado polo 95% do persoal de produción e por un 75% do de oficinas
Ourense - 11 Mar 2020

A primeira das seis xornadas de folga previstas na compañía ourensá do sector aeronáutico Coasa para reclamar unhas condicións laborais dignas tivo un seguimento masivo, xa que o paro de 24 horas que tivo lugar este martes foi secundado polo 95% do persoal de produción e por un 75% do de oficinas.

Dende o comité de empresa, presidido pola CIG, lembran que a seguinte convocatoria desenvolverase dende as 23:00 de hoxe mércores até as 23:00 do xoves e os paros continuarán todos os martes e xoves do mes de marzo, a excepción do xoves 19 por seren día festivo.

O presidente do comité, Rubén Ramos, explica que a decisión de levar a cabo as xornadas de folga foi adoptada en asemblea pola maioría do cadro de persoal ante o “estancamento” das negociacións da plataforma anexa ao convenio de Químicas que actualmente rexe algúns aspectos salariais e de permisos dos traballadores/as.