A proposta salarial da patronal das fundacións de investigación sanitaria perpetúa a precariedade e a fuga de talento

A Plataforma cualifica de 'ofensiva e indignante' a oferta e pide unha aposta real pola investigación biomédica en Galiza
Nacional - 20 Xan 2021

Representantes da Plataforma Galega de Traballadoras e Traballadores de Investigación Sanitaria (que engloba a grande parte do colectivo investigador e de xestión a nivel hospitalario en Galiza) compareceron este mércores en rolda de prensa para denunciar "a ofensiva e indignante" proposta retributiva  presentada na mesa de negociación  pola patronal das fundacións.

Con esta oferta, advirten, seguirase a perpetuar a precariedade e a conseguinte fuga de talento, polo que reclaman da Xunta e da Consellaría de Sanidade que "se hai un interese real e se aposta de verdade pola investigación en Galiza", se revise esta inxusta oferta de maneira inmediata.

Para a representación social (que integra os comités da Fundación Biomédica Galicia Sur de Vigo, da Fundación Profesor Novoa Santos da Coruña e da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela) os salarios que se ofertan son un intento de rematar co sistema investigador "xa que perpetuarán a eterna fuga de talento, serán motivo de entorpecemento da contratación e consolidación do persoal, o fomento da precariedade e a degradación das novas contratacións".

Adrián Cordido e Mabel Sampedro, da fundación IDIS pero que compareceron en representación dos tres comités, recordaron que na reunión do convenio do 16 de xullo de 2020, e tendo como representante das Fundacións a Julio García Comesaña, actual Conselleiro de Sanidade, a parte social trasladou unha oferta retributiva "xusta e adecuada para pór en valor o persoal de investigación, que para nada se corresponde coa proposta que nos presentaron na última reunión do 14 de xaneiro".

Retribucións significativamente inferiores ás do persoal do SERGAS

Neste senso, Mabel Sampedro denunciou que estas táboas "non son para nada comparábeis coas retribucións públicas e privadas de convenios, con idénticos ou inferiores requisitos de titulación e coñecemento", que os salarios actuais das fundacións xa superan en moitos casos a proposta que se presenta e que está  moi afastada, por exemplo, da subida salarial aprobada polo ISCIII a partir deste ano.

Para evidenciar esta diferenza, Sampedro explicou que para un/unha investigador/a R4 (que lidera un grupo de investigación, achega recursos, contrata persoal altamente cualificado e move unha cantidade imporante de proxectos) a parte social propuxo unhas retribucións de 50.000€ brutos/ano, mentres que as fundacións propoñen agora 35.000€ cunha porcentaxe variábel de obxectivos, pero sen ningún tipo de progresión, nin carreira profesional, nin antigüidade. "Facendo comparativa cos salarios de persoal do SERGAS, en categorías que esixen requisitos inferiores, un médico ou médica de admisión percibe xa na primeira anualidade case 49.000 euros.

No caso do persoal de xestión (especialistas con responsabilidade en xestión) a proposta da Plataforma é de 27.000 euros, que as fundacións rebaixan até os 22.000 euros brutos. Con esta mesma especialidade, un técnico do SERGAS cobraría 33.000 euros. Por iso, valorou que "fixemos unha proposta comedida e consideramos que a proposta das fundacións non é para nada xusta nin adecuada para os tempos que corren", tendo en conta ademais valor que achega a investigación e a titulación que se lle require ao persoal, altamente especializado e con anos de formación e estancias no estranxeiro.

Falta de información e mala fe

Neste senso, subliñou que as retribucións ofrecidas polas fundacións non teñen xustificación económica, pois dende o inicio da negociación, a patronal (que representa a dirección das fundacións, os/as xerentes dos hospitais- que son os/as presidentes do padroado- e a Consellaría de Sanidade) "négase sistematicamente a dar a coñecer as táboas salariais do persoal das fundacións e aínda que teñen obriga de dar esta información, só a presentou a Fundación de Compostela, máis aliñada coas táboas salariais propsotas polos propios comités que polas presentadas na reunión".

A patronal das fundacións emprega como xustificación que estas táboas salariais supoñen un incremento retributivo entre o 6% e o 12%, "pretendendo que creamos isto como se fose un dogma de fe".

Hai que lembrar que o primeiro convenio colectivo para o persoal investigador que traballa nestas tres fundacións estase negociando dende maio de 2019 e vén sufrindo paralizacións continuadas. Porén, nesa última xuntanza, "e sen máis explicación e información" propóñense unhas táboas salariais que ademais, segundo a asesora laboral que representa a dúas das fundacións, non conteñen toda a información, xa que serían de aplicación no terceiro ano do convenio.

Non obstante, o xerente de ACIS, Antonio Fernández-Campa García-Bernardo, que exerce de voceiro das fundacións e que foi designado pola Consellaría de Sanidade para esta negociación en substitución de Comesaña, "non informou deste punto, polo que non sabemos que hai de certo e de ser así cal é a proposta salarial para os anos 2021 e 2022".

Importancia do traballo de investigación

Diante deste novo despropósito, dende a Plataforma que agrupa os tres comités demandan unha negociación de boa fe na que se ofreza información clara e agardan que, neste momento no que a investigación en sanidade está a demostrar ser esencial para o futuro e benestar de toda a poboación, "a Xunta de Galiza, a Consellería de Sanidade e as fundacións, recoñezan a importancia do traballo de todas as profesionais. Cómpre retomar as negociacións en pé de igualdade, negociado de boa fe, xa que as fundacións son parte esencial do Servizo Galego de Saúde".

"Se desde a Xunta e a Consellería de Sanidade hai interese e se aposta de verdade pola investigación, consideramos que debe revisarse esta proposta salarial de forma que non se siga a perpetuar a precariedade e a conseguinte fuga de talento xerada por esta situación", concluíron.

Así, dende os comités explicaron que na reunión do convenio do 16 de xullo de 2020, e tendo como representante das Fundacións a Julio García Comesaña, actual Conselleiro de Sanidade, recolléronse as táboas presentadas pola parte sindical en acta, pendentes de ser aprobadas polas correspondentes direccións, expresándose por parte destas que os salarios estaban dentro da normalidade.

Porén, agora, "sen máis explicación e información" propoñen outras táboas salariais que ademais, segundo a asesora laboral que representa a dúas das fundacións, non conteñen toda a información, xa que serían de aplicación no terceiro ano do convenio. Non obstante, o xerente de ACIS, Antonio Fernández-Campa García-Bernardo, que exerce de voceiro das fundacións e que foi designado pola Consellaría de Sanidade para esta negociación en substitución de Comesaña, "non informou deste punto, polo que non sabemos que hai de certo e de ser así cal é a proposta salarial para os anos 2021 e 2022".

Importancia do traballo de investigación

Diante deste novo despropósito, dende a Plataforma que agrupa os tres comités demandan unha negociación de boa fe na que se ofreza información clara e agardan que, neste momento no que a investigación en sanidade está a demostrar ser esencial para o futuro e benestar de toda a poboación, "a Xunta de Galiza, a Consellería de Sanidade e as fundacións, recoñezan a importancia do traballo de todas as profesionais. Cómpre retomar as negociacións en pé de igualdade, negociado de boa fe, xa que as fundacións son parte esencial do Servizo Galego de Saúde".

"Se desde a Xunta e a Consellería de Sanidade hai interese e se aposta de verdade pola investigación, consideramos que debe revisarse esta proposta salarial de forma que non se siga a perpetuar a precariedade e a conseguinte fuga de talento xerada por esta situación", concluíron.