A recuperación do Imperio e a desaparición dos traballadores

James Petras -

A suposta “recuperación da economía” posterior á desfeita financeira de 2008-2009 tivo un sinal de clase: as elites empresariais e inmobiliarias recibiron un rescate superior aos 2 billóns de dólares mentres máis de 3 millóns de fogares de clase traballadora eran desafiuzados e desaloxados das súas vivendas

Nerón tocaba a lira, Obama botaba unhas canastras e Trump tuiteaba mentres os seus imperios ardían.

 Os imperios entran en decadencia ou se expanden en función, basicamente, das relacións entre gobernantes e gobernados. Hai varios factores determinantes, entre os que se inclúen: 1) a renda, a terra e a vivenda; 2) a evolución do nivel de vida; 3) o aumento ou descenso da taxa de mortalidade; e 4) a diminución ou aumento das familias.

 Ao longo da historia, os imperios en expansión incorporaron a poboación ao imperio, distribuíndo ás masas unha parte dos recursos espoliados, proporcionándolles terras, arrendamentos reducidos e vivendas. Os grandes terratenentes que tiñan que facer fronte aos mozos veteranos ao seu regreso das guerras evitaban unha excesiva concentración da terra para evitar os disturbios nos seus feudos.

 Os imperios en expansión melloraban as condicións de vida, pois labregos, artesáns, mercadores e escribentes atopaban emprego cando a oligarquía daba rédea solta ao seu consumo ostentoso e medraba a burocracia que administraba o imperio.

 Un imperio próspero é causa e consecuencia do aumento nas familias e no número de plebeos sans e educados que serven aos gobernantes e son mantidos por eles.

 Pola contra, un imperio en decadencia saquea a economía interna e concentra a riqueza a expensas da man de obra, ignorando o declive da súa saúde e da súa esperanza de vida. Como consecuencia, os imperios en decadencia ven medrar a taxa de mortalidade; a propiedade de terras e vivendas concéntrase nunha elite de rentistas que viven grazas a unha riqueza que adquirida inmerecidamente por herdanza, froito da especulación ou das rendas, que degrada o traballo produtivo baseado na pericia e os coñecementos.

 Os imperios en decadencia son causa e consecuencia da deterioración das familias, compostas con frecuencia de traballadores adictos aos opiáceos que sofren o aumento da desigualdade entre eles e os seus gobernantes.

 A historia do Imperio americano ao longo do último século encarna á perfección a traxectoria da expansión e caída dos imperios. O último cuarto de século é un bo exemplo das relacións entre gobernantes e gobernados en plena decadencia do imperio.

 As condicións de vida dos estadounidenses deterioráronse a toda velocidade. As empresas deixaron de cotizar as pensións e reduciron ou eliminaron a cobertura sanitaria dos seus traballadores, e viron rebaixados os seus impostos de sociedades, o que redunda nunha mingua da calidade da educación pública.

 Nos últimos vinte anos, os salarios que perciben a maior parte dos fogares estancáronse ou reducíronse; os gastos en sanidade e educación arruinaron a moitos, e converteron os graduados universitarios en escravos das súas débedas a longo prazo.

 En EUA, o acceso á propiedade da vivenda para menores de 45 anos diminuíu do 24% en 2006 ao 14% en 2017. Ao mesmo tempo, os alugueiros disparáronse, especialmente nas grandes cidades de todo o país, e na maioría dos casos absorben entre un terzo e a metade dos ingresos mensuais.

 As elites empresariais e os seus expertos inmobiliarios desvían a atención cara ás desigualdades “interxeracionais” entre pensionistas e novas empregados asalariados, en lugar de recoñecer o aumento da desigualdade entre altos executivos e traballadores e pensionistas, os ingresos dos cales pasaron de 100 a 1 a 400 a 1 nas tres últimas décadas.

 Tamén aumentaron as diferenzas na taxa de mortalidade entre a elite empresarial e os traballadores, pois os ricos cada vez viven máis anos sen perder a saúde mentres os traballadores sofren un descenso na esperanza de vida ¡por primeira vez na historia de Estados Unidos! Grazas aos ingresos procedentes de beneficios, dividendos, aumento dos xuros, etc., os ricos poden pagar o elevado custo da medicina privada e prolongar a súa vida, mentres a millóns de traballadores sonlles receitados opioides para “reducir a dor” e precipitalos unha morte prematura.

 Os nacementos descenderon como consecuencia da carestía da sanidade e da carencia de escolas infantís e baixas por maternidade ou paternidade remuneradas. Os últimos estudos revelaron que 2017 tivo o menor número de nacementos en 30 anos. A suposta “recuperación da economía” posterior á desfeita financeira de 2008-2009 tivo un sinal de clase: as elites empresariais e inmobiliarias recibiron un rescate superior aos 2 billóns de dólares mentres máis de 3 millóns de fogares de clase traballadora eran desafiuzados e desaloxados das súas vivendas polos financeiros que adquiriran as súas hipotecas. O resultado: un aumento acelerado de persoas sen fogar, especialmente nas cidades con maiores índices de recuperación da crise.

 Probabelmente, os factores que produciron este descenso da maternidade e aumento da mortalidade son a falta de vivenda e os desorbitados prezos dos alugueiros de apartamentos saturados, xunto cos salarios mínimos.

O imperialismo expándese, o nivel de vida descende

 Nas décadas posteriores á Segunda Guerra Mundial, a expansión no estranxeiro estivo acompañada no ámbito interno polo abaratamento da educación superior, hipotecas a prezos razoábeis que facilitaban a propiedade dunha vivenda e melloras nas pensións e cobertura sanitaria a conta dos patróns. Porén, nas dúas últimas décadas a expansión imperial baseouse na redución forzosa do nivel de vida.

 O Imperio expandiuse e as condicións de vida empeoraron porque a clase capitalista evadiu billóns de dólares de impostos a través de paraísos fiscais, prezos de transferencia e exencións fiscais. Aínda por riba, os capitalistas recibiron inmensas subvencións públicas para infraestruturas e transferencias gratuítas de innovación tecnolóxica financiada polo Estado.

 Nos nosos días, a expansión imperial baséase na deslocalización das multinacionais manufactureiras co fin de rebaixar os custos de man de obra, aumentando así a porcentaxe de traballadores de servizos mal pagos en Estados Unidos.

 O empeoramento das condicións de vida da maioría é consecuencia da reestruturación do Imperio, a instauración dun sistema tributario regresivo e a redistribución das transferencias de gasto público con fins sociais do Estado do benestar a subvencións e rescates ao sector inmobiliario e financeiro.

Conclusión

 Nas súas orixes, o imperialismo levaba aparellado un contrato social explícito coa man de obra: a expansión estranxeira compartía beneficios, impostos e ingresos coa forza de traballo a cambio do apoio político dos traballadores á explotación económica imperial no exterior, o saqueo de recursos e o servizo destes nas forzas armadas do imperio.

 O contrato social viña condicionado polo equilibrio relativo de poder: a maioría dos obreiros fabrís, do sector público e os traballadores especializados estaban sindicados. Pero este equilibrio de poder nas relacións de clase baseábase na capacidade da forza laboral para participar activamente na loita de clases e, así, presionar ao Estado. É dicir, o imperialismo e a estrutura do benestar baseábanse por completo nunha serie específica de condicións intrínsecas do pacto social.

 Co tempo, a expansión imperial tivo que enfrontar limitacións no exterior procedentes da oposición que presentaban grupos nacionalistas ou socialistas, creando as condicións para a deslocalización do seu capital no estranxeiro. Os rivais do imperio en Europa e Asia comezaron a competir polos mercados exteriores, obrigando a Estados Unidos a aumentar a súa produtividade, reducir custos laborais, deslocalizar no estranxeiro ou reducir beneficios. Estados Unidos elixiu reducir as condicións de vida internas e sacar a súa produción ao estranxeiro.

 Os dirixentes sindicais distanciáronse doutros movementos xerais de base e, ao carecer dun movemento político independente, estar abeirados pola corrupción e comprometidos cun acordo social en vías de desaparición, foron reducíndose en volume, incapaces de formular unha nova estratexia combativa que substituíse o pacto social. A clase capitalista adquiriu control total das relacións de clase e, por conseguinte, comezou a decidir unilateralmente os termos da política fiscal, o emprego, as condicións de vida e, o máis importante, o gasto público.

 Os gastos militares para o mantemento do imperio creceron en proporción directa á redución de subsidios sociais. Os grupos rivais de poder pelexábanse para conseguir a súa parte dos orzamentos capitalistas e decidir as prioridades político-militares. Os imperialistas económicos competían ou uníanse aos imperialistas militares; os neoliberais de libre mercado competían cos militaristas polos mercados exteriores en busca da ocupación de máis territorios, novas conquistas, mercados pechados e clientes submisos. As estruturas de poder rivais competían para ditar as prioridades imperiais -as poderosas redes sionistas urdían guerras rexionais favorábeis a Israel mentres as multinacionais intentaban impulsar a súa expansión político-militar en Asia (China, A India e os mercados do sueste asiático)-.

 Faccións rivais das elites monopolizaban orzamentos, impostos e gastos comprimindo as condicións de vida da forza laboral. As clases imperialistas pactaron entre elas, a calidade e cantidade de traballadores diminuíu. Pero os descendentes desas elites asistían ás mellores escolas e aseguraban os mellores postos no goberno e a economía.

 Os privilexios e o poder non produciron triunfos imperiais. China soubo integrar os seus programas educativos e traballadores cualificados no traballo produtivo e tirar partido diso. Pola contra, os graduados estadounidenses traballan en postos financeiros parasitos e lucrativos, non en sectores da ciencia, a enxeñaría e a asistencia social. Os graduados na academia militar crearon redes de “comandantes” que perdoan os abusos sexuais, adestran e ascenden a oficiais que lanzan mísiles sobre centros de poboación e adestran a capitáns da armada especializados en colidir os seus buques.

 Os graduados na Ivy League*conseguiron monopolizar os altos cargos no goberno e levaron a Estados Unidos a guerras interminábeis en Oriente Próximo, multiplicaron os nosos adversarios, inimizaron os nosos aliados e gastaron billóns de dólares en guerras que favorecen a Israel, no canto de dedicalos a axudas sociais e salarios máis elevados para os nosos traballadores. E, si, é verdade, a economía estase recuperando... mais ás persoas vailles peor.

___________________________________________________________________________

*NT: Grupo de oito prestixiosas universidades privadas de Estados Unidos, moi elitistas, entre as que se atopan Harvard, Yale, Columbia e Princeton.

_______________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelion, do 28 de maio de 2018]

Volver