A Rede Sindical Europea exixe á UE que prohiba comerciar cos asentamentos ilegais de Israel en Palestina
Un total de 34 organizacións sindicais europeas que representan a millóns de traballadores/as, entre elas a CIG, veñen de dirixir un escrito á Comisión Europea e aos gobernos dos estados membros para exixir a prohibición do comercio cos asentamentos ilegais de Israel en territorio palestino.
A UE considera que os asentamentos israelís son ilegais, segundo o dereito internacional, pero permite a Israel exportar a Europa grandes cantidades de produtos procedentes dos mesmos e que sexan vendidos polos comerciantes europeos, proporcionando apoio económico directo ao proceso de expansión e ocupación dos asentamentos.
Como salienta o recente informe da OIT, a industria de asentamentos israelís mina a economía palestina e os dereitos dos seus traballadores e traballadoras. En 2013, a presión pública e os grupos de presión de organizacións palestinas e europeas levaron á UE a introducir unha política contra o financiamento ou a participación israelí en proxectos da UE, se tales proxectos ou participación recoñecían de xeito efectivo a soberanía de Israel sobre o territorio palestino e sirio ocupado.
Aínda así, a UE non tomou medidas axeitadas para cumprir coa súa obriga legal de acabar co comercio dos asentamentos ilegais de Israel e abordar a participación de empresas europeas na ocupación ilegal israelí.
Na súa opinión legal, publicada a semana pasada, o Defensor Xeral do Tribunal Europeo de Xustiza dixo que as empresas europeas deberían etiquetar as exportacións de colonos israelís en territorio palestino, para que os consumidores poidan boicotealos por motivos «éticos», do mesmo xeito que se fixera no seu día cos sudafricanos baixo o apartheid.
"Esta opinión pon de manifesto o feito de que os gobernos europeos están sen cumprir as súas obrigas, segundo o dereito internacional. Para ser coherente coa súa propia lexislación, a UE e todos os estados europeos deberían ir máis lonxe e acabar con todas as relacións económicas nos asentamentos ilegais de Israel", dixo Koen Vanbrabandt en rolda de prensa, que exerce como Presidente da Rede Sindical Europea para a Xustiza en Palestina, ao presentar a carta.
Segundo os asinantes da chamada, que inclúe unha extensa lista de sindicatos, algúns dos maiores de Europa e que representan a moitos millóns de traballadores/as, a UE no seu conxunto e todos os seus Estados membros teñen a obriga de paralizar as negociacións con asentamentos como parte das súas funcións de non recoñecemento e non asistencia, segundo se recolle no articulado o acordo comercial con Israel, se non se respectan os dereitos humanos e de autodeterminación do pobo palestino.
O movemento sindical solicitou constantemente unha solución xusta ao conflito israelo-palestino. Agora as organizacións sindicais asinantes afirman que "os valores fundamentais do internacionalismo sindical obrígannos a tomar medidas concretas e eficaces para facilitar a aplicación das resolucións das Nacións Unidas, as obrigas legais internacionais e unha paz xusta e equitativa para todos/as. "
"É neste espírito que facemos este chamamento aos responsables políticos da UE e aos estados europeos para tomar medidas eficaces para acabar coa complicidade europea cos abusos dos dereitos humanos asociados aosasentamentosilegais de Israel e introducir unha prohibición de actividades económicas con eles"- remata a carta.