A Rede Sindical Europea pola Xustiza para Palestina (ETUN) impulsará novas accións de sensibilización

Tras a parada pola pandemia, o comité directivo volveuse reunir de maneira presencial
Internacional - 26 Mai 2022

Durante os pasados días 23 e 24 de maio, e logo da paréntese provocada pola pandemia, volveuse reunir de maneira presencial en Bruxelas o comité directivo da Rede Sindical Europea de apoio a Palestina, do que a CIG forma parte, e na que están representadas máis de 30 organizacións sindicais.

Durante as dúas xornadas, os e as representantes de sindicatos de Noruega, Dinamarca, Países Baixos, Bélxica, País Valenciá, Reino Unido, Catalunya, Euskal Herria e Galiza, fixeron un repaso da traxectoria da Rede desde a súa creación, coa correspondente avaliación das actividades e campañas realizadas; da situación actual, tanto no proceso de ampliación da Rede, coa suma doutros sindicatos, como da situación financeira; e dos trocos que, durante os últimos anos, se veñen dando, no que respecta á situación de Palestina e a súa clase traballadora, e do papel que veñen xogando as institucións europeas e os seus estados sobre a mesma.

Pero, sobre todo, explica Xosé Lois Rivera, responsábel de Relacións Internacionais da CIG, "desde ETUN consideramos fundamental que a clase traballadora de Europa tome conciencia das graves violacións dos dereitos humanos e laborais cometidas polas grandes corporacións, especialmente europeas e americanas, en complicidade co Estado de Israel. Só desde esta conciencia se pode reforzar a solidariedade internacional".

Con este obxectivo acordouse realizar materiais audiovisuais que mostren a realidade cotiá dos traballadores e traballadoras palestinas, organizar encontros con sindicalistas, reforzar o apoio aos sindicatos e movementos sociais palestinos, coordinar encontros con membros do parlamento europeo e partidos políticos, dar a coñecer os diferentes informes existentes sobre a complicidade de Europa coa ocupación do territorio palestino por parte do Estado de Israel (nomeadamente no acordo comercial entre ambos) e as consecuencias que isto ten, especialmente logo da pandemia, na poboación. Tamén convocarers mobilizacións de denuncia diante do parlamento europeo e das empresas cómplices da ocupación ilegal de Palestina.

"En momentos como os actuais, engade Rivera, desde ETUN consideramos fundamental lembrar o que está a suceder en Palestina, que se escoite a voz da súa clase traballadora, e aumentar a presión sobre os estados e corporacións que contribúen á violación do dereito internacional. En definitiva, que os cidadáns e cidadás adopten unha posición decidida polos dereitos humanos e, así, constrúan a un mundo máis xusto".

Iniciativa contra o comercio cos asentamentos ilegais

Na xuntanza tamén se decidiu dar un novo impulso á campaña da Iniciativa Cidadá Europea (da que ETUN forma parte) para a creación dunha lei que pare o comercio cos asentamentos ilegais #StopTradeWithSettlements

A CIG convida á súa afiliación e á cidadanía galega en xeral a apoiar e asinar esta iniciativa.

» Infórmate aquí sobre a campaña e como asinar