A representación da CIG en Ganomagoga dona o recadado nun sorteo solidario á loita do persoal de IKF da Guarda

Delegados da central sindical na empresa siderometalúrxica entregaron 160 euros aos traballadores/as que levan case 70 días de folga
A Guarda - 19 Nov 2021

A representación da CIG en Ganomagoga, compañía do sector do siderometal con sede en Ponteareas, doaron hoxe o diñeiro recadado nunha rifa solidaria que cada ano organizan na empresa á loita do persoal de IKF da Guarda. Deste xeito, delegados da central sindical entregáronlle 160 euros aos traballadores/as, que van camiño de cumprir 70 días de folga contra a dobre escala salarial e os intentos da dirección de precarizar as condicións laborais.

O acto de entrega tivo lugar este mediodía ás portas das instalacións de IKF nas Cachadas, onde os empregados/as se reúnen a diario dende que dese comezo a folga indefinida. Foi o propio presidente do comité de IKF, José Luis Rodríguez, o que recibiu os cartos de mans dos delegados da CIG no comité de Ganomagoga, que posteriormente se concentraron xunto aos folguistas para trasladarlles o seu apoio ás súas reivindicacións

Dende a representación sindical da CIG en Ganomagoga (5 delegados/as de 8) explican que todos os anos organizan un sorteo na empresa -normalmente dun xamón- para doar os cartos recadados a fins solidarios. Nesta ocasión decidiron cederllos aos traballadores/as en folga de IKF, que están a demostrar un compromiso inquebrantábel coa defensa dos seus dereitos laborais.

Pola súa banda, o presidente do comité de IKF agradeceu de parte dos seus compañeiros/as tanto a doazón económica “como o que é máis importante, que é o seu apoio”. Rodríguez valorou un xesto “digno de agradecer” e lamentou que en xeral haxa poucas iniciativas deste tipo. “Máis que os cartos, que teñen un valor simbólico, queremos darlles as grazas sobre todo pola súa mostra de solidariedade”.