A representación da CIG en Lefties denuncia na Fiscalía o incumprimento da Lei de Prevención de Riscos

A empresa non adoptou medidas correctoras, a pesar dos desastrosos e alarmantes resultados das avaliacións de riscos psicosociais
A Coruña - 07 Mar 2022

A representación da CIG en Lefties presentou na mañá deste luns denuncia na Fiscalía da Coruña para que inicie as actuacións oportunas ante a falta reiterada de medidas para corrixir os elevados riscos psicosociais aos que están sometidas as máis de 70 traballadoras e traballadores que esta cadea comercial ten na provincia (e que forma parte da empresa Zara, do Grupo Inditex).

A presidenta do comité de Zara da provincia da Coruña, Carminha Naveiro, explica que dende o ano 2014 estanse realizando avaliacións psicosociais pero os resultados lonxe de ir a mellor, foron a peor en todas as tendas (Ferrol, A Coruña e Santiago), aínda que os datos máis graves rexístranse no establecemento situado no CC As Cancelas.

A tal punto, advirte Naveiro que hai traballadoras de baixa psicolóxica e outras que están a tratamento psicolóxico derivado da situación laboral que sofren, pois nesa tenda todos os factores avaliados evidencian a existencia dun risco moi elevado. A presidenta do comité apunta como causas deste deterioro das condicións laborais á enorme sobrecarga de traballo que ten que afrontar o persoal, que ademais, lembra, ten condicións inferiores ás do persoal de Zara a pesar de formar parte da mesma empresa e realizar as mesmas tarefas.

Malia os intentos das delegadas da CIG de negociar coa dirección posíbeis solucións e das diversas denuncias presentadas diante da Inspección de Traballo, o certo é que a empresa non puxo en marcha ningunha medida correctora tal e como se establece na Lei de Prevención de Riscos Laborais. E non só iso, senón que "o departamento de Recursos Humanos iniciou represións e ameazas, pretendendo culpabilizar as traballadoras dos malísimos resultados dos estudos", critica.

"Estamos totalmente desamparadas pola empresa, que non toma medidas, e pola autoridade laboral, que non actúa, e por iso vémonos na obriga de vir hoxe á Fiscalía presentar esta denuncia, porque só pedimos que se cumpra co que di a lexislación", sinala Naveiro.

Neste senso, considera que a problemática nas tendas deriva tamén da propia dirección, á que acusa de actuar "de forma arcaica e autoritaria porque o único que pretende é someter o persoal para non investir un peso na saúde e na seguridade das traballadoras e dos traballadores".

Desinterese da empresa e do grupo Inditex

A representación da CIG tentou manter unha xuntanza co director xeral de Lefties "pero en todo momento deunos a calada por resposta". Ademais, Naveiro chama a atención sobre o desleixo do propio departamento de Prevención de Riscos de Inditex, ao que solicitaron reunións en distintas ocasións para resolver esta problemática, pero tamén fixo caso omiso. E de igual maneira estende responsabilidades á dirección de Zara España.

Salienta que nas tres tendas Lefties da provincia, sendo a mesma empresa e utilizando os mesmos sistemas que en Zara, os riscos psicosociais que saen reflectidos "agrávanse ano tras ano -pretendendo a dirección incluso anular o comité de Seguridade e Saúde Laboral-, mentres que en Zara as deficiencias vanse intentando corrixir". Por iso, tal e como indica Carminha Naveiro, "a principal medida a levar adiante pasa por cambiar as persoas responsábeis do departamento de Recursos Humanos".

Engade que a CIG  achegou unha proposta de  medidas correctoras para mellorar as condicións de traballo e que axudarían a eliminar o risco nas tendas Lefties, como o aumento de horas, a equiparación salarial con Zara, un semi-peche (posibilidade de saír unha tarde ás 20h), establecer dous sábados libres ao mes, ou ofrecer formación que teña que ver co ámbito laboral, que non foi atendida.

Xunto a isto, a representante sindical referiuse ás discriminacións que padecen as traballadoras/as de Lefties, que sendo parte da mesma empresa, exercendo as mesmas funcións e con máis carga de traballo "cobran menos que o persoal das tendas Zara". "Queda patente unha vez máis que as traballadoras das tendas somos o último chanzo da cadea e o único que lle interesa ao grupo Inditex é amasar cartos aínda que sexa a conta da nosa saúde", concluíu.