A representación da CIG na AEAT alerta que o Servizo de Vixilancia Aduaneira "está en mínimos"

Denuncian a falta de persoal e a elevada idade media dos/as funcionarios/as
Nacional - 31 Xan 2019

A representación da CIG na Axencia Tributaria leva tempo advertindo do deterioro que está a sufrir o Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galiza  e que, de non pórlle remedio, "nun futuro moi próximo a AEAT terá que empezar a pechar bases por falta de persoal".

Neste senso, explican que á elevada idade dos funcionarios e funcionarias do servizo, cunha media de 56,9 anos no Marítimo e de 53 anos no servizo de Investigación Terrestre, súmase a falta de efectivos. Deste xeito, desde o mes de novembro, as embarcacións de  Marín e Muros e Costa da Morte están paradas 15 días ao mes por falta de xefes de Embarcación. "En Muros, subliñan, hai anos que se está saíndo ao mar coas tripulacións incompletas por falta de axentes marítimos".

No caso de Vilagarcía de Arousa, de catro xefes de Embarcación só queda unha persoa facendo as funcións propias do seu posto, "co cal se non recorren a persoal doutras bases, tamén esta embarcación permanecerá parada 15 días ao mes". Na base de Ribadeo, debido á carencia de Axentes Marítimos, estase a recorrer a persoal de seguridade privada para a vixilancia da propia embarcación

"Temos persoal de 68 anos tanto no Marítimo como en Investigación e durante o ano 2019 contamos con que se xubilen como mínimo  oito funcionarios das distintas categorías e neste próximo mes de marzo xubílanse dous xefes de  Máquinas", advirte Antón Lestón, responsábel do subsector da CIG na AEAT.

"Se a todo isto lle sumamos que as embarcacións de Muros e Ribadeo teñen máis de 33 anos, dámonos conta da dirección que leva o Servizo e porqué Galiza segue sendo un dos puntos de maior entrada de droga de Europa", conclúe.