A representación da CIG no SAF de Redondela logra importantes melloras para o persoal

A Inspección requírelle á empresa que suba os salarios un 6,5% e que o cómputo do desprazamento entre domicilios como tempo de traballo se axuste á realidade
Redondela - 24 Feb 2023

A representación da CIG no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Redondela vén de lograr coas súas denuncias diante da Inspección de Traballo importantes melloras laborais para o cadro de persoal, como a aplicación dunha suba salarial do 6,5% dende a subrogación do servizo ou que o cómputo de tempo de traballo entre domicilios se axuste á realidade.

Dende a central sindical sosteñen que “nós seguimos a traballar para mellorar as condicións das traballadoras do SAF de Redondela, en lugar de vender fume e non conseguir nada”. Deste xeito, as dúas representantes da CIG no comité de empresa conseguiron novos avances en materia laboral a través da Inspección de Traballo. “Outras, mentres tanto, que sigan a manipular e a mentir dicindo que fan, cando non fan nada; nós dende logo non imos perder nin un minuto do noso tempo en teatros que non levan a ningún lado”. 

Nós seguimos a traballar para mellorar as condicións laborais, en lugar de vender fume e non conseguir nada como fan outras

As melloras laborais chegan mediante un requirimento da autoridade laboral á concesionaria do servizo, Os Ventos, “no que quedan claros os incumprimentos da empresa e se lle insta a corrixilos”. Como é o abono de salarios dentro dos catro primeiros días de cada mes, así como o incremento de soldos (en todos os seus conceptos), e a cotización complementaria correspondente, conforme á suba do IPC do 2021 (6,5%), dende a subrogación do 28/05/2022. A compañía ten un prazo de dous meses para facelo.

Tamén terá que pagarlle de inmediato a nómina de decembro a unha traballadora. E garantir que o tempo de desprazamento entre domicilios, que se computa como tempo de traballo, se faga dunha forma máis axustada á realidade, “polo que a aplicación empregada (CIBERSAD) debe ser flexíbel e ter en conta as circunstancias que poden concorrer en cada caso, debendo deixar un mínimo marxe de tempo, cumprindo así o artigo 37 do convenio colectivo”. Esta corrección ten que facerse de inmediato, segundo a resolución da Inspección de Traballo.

Cumprimento da bolsa de horas

Outra cuestión a resolver xa pola empresa é o cumprimento o artigo 37.g4 da bolsa de horas, e deberá remitirlle cada mes á representación do cadro de persoal a información relativa á mesma, regularizándose trimestralmente, agás o último trimestre, que se fará o 31 de xaneiro do ano seguinte. Tamén deberá informar ao comité cada tres meses sobre a realización de horas complementarias por parte das traballadoras contratadas a tempo parcial.

No que ten que ver coa entrega de nóminas, a empresa xustifica o seu envío por correo electrónico, requiríndolle a autoridade laboral que deberá entregarllas en papel na oficina a quen non dispoña de correo electrónico. Por último, na resolución infórmase de que se debe presentar ante os xulgados a reclamación da quilometraxe, “aínda que a empresa constata que o está abonando a 0,19€/quilómetro”.

Dende a CIG adiantan que seguirán a traballar para que o servizo se preste con todas as garantías e nas mellores condicións posíbeis para as persoas usuarias”, como vimos facendo dende sempre con todas as empresas concesionarias do SAF do Concello de Redondela”. Neste senso, agardan que as irregularidades constatadas pola autoridade laboral “sexan resoltas canto antes e que se poida prestar dunha vez por todas un servizo de calidade”. Neste senso, anuncian que lle darán traslado ao Concello do requirimento da Inspección “para que tome as medidas que considere oportunas ao respecto”.