A representación do persoal de Política Social nas catro provincias solicita unha xuntanza coa conselleira

Co obxectivo de abordar as distintas problemáticas que padecen estas/os traballadoras/es públicas/os

Nacional -

Unha representación do comité de empresa de Política Social de Pontevedra entregou onte por rexistro unha carta dirixida á conselleira, Fabiola García, co obxectivo de solicitarlle unha reunión urxente para abordar as diferentes problemáticas laborais que está a sufrir o persoal deste departamento.

Esta reclamación é froito do acordo do comité intercentros da Xunta de Galiza e dos comités de empresa de Política Social das catro provincias e chega despois de moitas semanas de concentracións diante dos centros dependentes deste departamento “sen que tiñamos conseguido que se nos escoite e se nos reciba”. 

A solicitude chega tras moitas semanas de mobilizacións diante dos centros

Dende a representación do cadro de persoal lembran que Política Social é unha Consellaría “totalmente feminizada”, xa que máis do 75% do seu persoal son mulleres, maioritariamente con cargas familiares e unha media de idade en torno aos 55 anos. “Non entendemos que a conselleira participe dos actos de celebración do 8 de Marzo cando despois esquece aplicar as reclamacións dese día ao seu persoal”, censuran.

Ao mesmo tempo, lamentan que “despois do esforzo realizado por mor da covid, esforzo que continúa a data de hoxe, evidenciáronse aínda máis, se cabe, os problemas que sufrimos: falta de persoal, poucos descansos, lugares de traballo pouco adecuados á actual crise sanitaria, alta sinistralidade laboral, exames de oposición en pleno estado de alarma e despois dun ano esgotador a nivel físico e psíquico, excesiva temporalidade e contratos precarios (fins de semana, 1/3 xornada, etc).

Por todo isto, ínstana a fixar unha xuntanza para poder expoñerlle as inquedanzas do persoal “porque ten que ter en conta que é o maior valor que ten a súa Consellaría, e que se está a ser maltratado psicoloxicamente con quendas abusivas e demasiado estrés laboral”.

Volver