A representación sindical reclámalle a Navantia negociar o plan industrial e investimentos que garantan o futuro

A CIG avanza que, nas actuais condicións, non asinará un documento imposto e que supón un “cheque en branco”
Ferrol - 19 Xun 2026

Representantes da CIG, MAS e UGT en Navantia compareceron este venres en rolda de prensa para denunciar a negativa da empresa pública a negociar o Plan Estratéxico 2026-2029 co seu persoal e advertir da falta de investimentos para atender demandas históricas que son “fundamentais e irrenunciábeis” para os estaleiros da ría de Ferrol.

“Non queremos un plan ao que presentar alegacións, queremos que Navantia sente negociar coa representación social porque este plan afecta á empresa en materia de investimentos, carga de traballo e emprego e polo tanto ao noso futuro”, subliñou Marcelino Amado, secretario do comité do estaleiro de Ferrol e delegado da CIG.

Criticou que o documento entregado á representación do persoal resulta moi xenérico, xa que fala de cifras globais pero sen concretar a súa aplicación, que ademais continúa a centrar a liña de negocio no mercado militar, desbotando o mercado civil como algo improbábel por falta de competitividade, e que as instalacións de Fene seguen a ser as grandes esquecidas en todos os ámbitos. “Hai unha débeda histórica con Fene, tiráronse as gradas pero non houbo unha compensación real para reflotar as instalacións, potencialas e que estea en mercados firmes”.

Nin diques nin modernización integral 

Denunciou Amado que no plan non se reflicten investimentos para a construción do dique cuberto, sendo incluso inferior a cifra global de investimentos que a destinada no período anterior. Tampouco se potencia Carenas con novas instalacións, malia ser unha destacada liña de negocio que ademais permite dotar de carga de traballo o estaleiro á marxe da construción  militar. E Turbinas “aparece como unha actividade máis, ignorando que cómpre facer investimentos en nova maquinaria, porque as que temos están moi obsoletas e nin sequera poden facer o traballo para o mercado militar”.

Outra cuestións que preocupa á representación social é a relativa ao emprego, a súa estabilidade e á mellora das condicións laborais, tamén no ámbito da industria auxiliar. “Fálase dun 30% de incremento do emprego directo, sen desglosar por centros e a maiores fiado á necesidades conxunturais”, rexeitou. Outra eiva que destacou o representante da CIG é que se pon en competencia directa as instalacións de Ferrol coas de Puerto Real, en canto á carga de traballo relativa á construción de grandes buques.

Para a CIG resulta especialmente perigoso que no propio plan se comece a falar de colaboración público-privada, algo que “xa se lle escapara ao propio presidente de Navantia nun acto en Bilbo ao mencionar a posibilidade da entrada de capital privado”. Unha opción que a central nacionalista rexeita de plano.

Por todo iso, Amado reiterou que a CIG non asinará un plan industrial que non se negocia coa representación sindical e que na práctica supón “un cheque en branco”, que non contempla vellas demandas como o novo dique cuberto e o de reparacións, non avanza na necesaria modernización integral do estaleiro, non potencia Turbinas, non aposta pola I+D+i, non atalla a dependencia da subcontratación, non concreta o número de incorporacións nin que estas sexan proporcionais entre centros de traballo.