A restrición do dereito á xubilación parcial, unha razón máis para nos mobilizar

A modificación deste dereito deixa fóra a moitos traballadores/as con condicións laborais precarias e penosas

Nacional -

Decisións políticas como a aprobación do Real Decreto 20/2018 sobre medidas para a xubilación parcial con contrato relevo reforzan a necesidade de participar na mobilización en defensa das pensións públicas que a CIG ten convocada para o 26 de xaneiro. Este RD, que aínda está sen validar, resulta discriminatorio e inxusto, xa que exclúe a maioría da clase traballadora do dereito á xubilación parcial aos 61 anos e introduce novas restricións ás empresas e ao seu persoal.

“O Goberno español elimina na práctica este dereito, privando a moitos traballadores/as que padecen unhas condicións laborais precarias e moi penosas do acceso a unha xubilación digna e a unha idade máis que merecida: aos 61 anos, e non aos 67 como aceptaron CCOO, UGT e a patronal cando apoiaron a reforma das pensións de 2011”, critica o secretario xeral da CIG, Paulo Carril. 

A CIG entende que o Real Decreto 20/2018 é discriminatorio e inxusto

Engade que haberá que cuantificar tamén o alcance real do RD na propia industria, tendo en conta o volume de man de obra indirecta e de persoal contratado a través de empresas multiservizos e ETT que hai nas compañías principais, pois este persoal tampouco poderá acceder a esta xubilación.

Reclamación da clase traballadora

A finais de novembro, a central sindical remitiulle ao Ministerio de Traballo centos de manifestos de comités de empresas esixíndolle a derrogación da reforma das pensións de 2011 e 2013 e manter este dereito para todos/as os asalariados/as nas condicións que existían previamente.

Galiza precisa rexuvenecer os cadros de persoal para crear postos de traballo e rematar co desemprego e co drama da emigración. Mais tamén para incrementar os ingresos da Seguridade Social e do sistema público de pensións con máis cotizantes, e iso pasa por ofrecerlle traballo digno á mocidade, que regrese toda a que emigrou por mor da crise, e por derrogar as reformas laborais para favorecer condicións e salarios xustos. “Só así faremos máis forte o sistema público de pensións”, advirte.

Volver