A revolución republicana federal de 1872 en Ferrol

Manuel Mera - 25 Out 2022

A proclamación da república federal en Ferrol foi a semente que deu pulo ao nacemento do Partido Republicano Federal Galego en 1873, e posteriormente á redacción no ano 1887 do Proxecto de Constitución para o Estado Galaico

 Hai século e medio, o 11 de outubro de 1872, proclamouse en Ferrol a República Federal. Ese día soldados da mariña, obreiros do estaleiro e membros do Partido Republicano Federal, baixo o mando do brigadier Bartolomé Pozas, erguéronse en armas contra o goberno de Amadeo I de Saboia ao berro de: Viva a República Democrática e Federal! Amosan bandeiras vermellas e símbolos da República. Na revolta participaron 1.500 soldados e oficiais da mariña, 850 gardas e traballadores do arsenal-estaleiro e máis dun cento de obreiros doutras empresas e profesionais... Detiveron o comandante do arsenal e permitiron a saída dos militares que non apoiaban a insurrección. Facíanse manifestacións na rúa acotío. Esperaban que o levantamento fose secundado por outras cidades do Estado español (EE), algo que non sucedeu, xa que este obxectivo se acadaría 124 días despois.

 A insurrección sería duramente respondida tres días despois polo capitán xeneral de Galiza declarando o estado de guerra. O día 13 forzas militares procedentes da Coruña comezan os enfrontamentos armados e o día 17 toman o arsenal detendo a 400 persoas. Parte dos rebeldes foxen en barcas ao Seixo camiño de Pontedeume. Nesta fuxida moitos son apresados por militares e carabineiros. Logo viñeron as persecucións, detencións e vexacións. Nos días seguintes realizáronse consellos de guerra, ditándose unhas vinte penas de morte, que serían conmutadas por presidido, así como máis dun cento de condenas de prisión, e centos de desterros a colonias de ultramar (Cuba, Filipinas, Porto Rico...). Ademais foi ordenado o peche temporal do arsenal e todo o persoal foi sometido a unha rigorosa depuración segundo a súa participación na insurrección.

 O levantamento cívico-militar do Ferrol foi rexeitado polo líder dos republicanos federais, Pi i Margall, e condenada polo Congreso español. Isto defraudou o sector radical dos republicanos e varios comités do partido nas cidades galegas, porque incumpría os obxectivos da Revolución de 1868 en Ferrol, o que provocou que practicamente todo o federalismo galego rachase co Directorio de Madrid. En Ferrol vivían 30.000 persoas, sendo a cidade máis grande do país, debido en gran medida ao arsenal-estaleiro. Galiza tiña daquela sobre 1,8 millóns habitantes, un 11,4% do total do Estado español, e conseguía un 6% do PIB. Esta non era unha insurrección illada, había en toda a nación galega revoltas constantes no mundo rural, tanto contra os impostos como contra as levas militares. As contradicións sociais e nacionais eran moi fortes e a sociedade apoiaba un cambio. Daquela que a Revolución de 1868, iniciada en Cádiz, se estendese inmediatamente a toda Galiza, onde se constituíron xuntas revolucionarias.

 Para alén da importancia destes feitos e do papel da Galiza na loita a prol da República federal desde moi cedo, cómpre lembrar que esta acción revolucionaria, rexeitada polo partido en Madrid, foi a semente que deu pulo ao nacemento do Partido Republicano Federal Galego en 1873, e posteriormente á redacción no ano 1887 do Proxecto de Constitución para o Estado Galaico. Neste proxecto proclámase a soberanía e unha forma de goberno democrática nunha República Federal. No artigo 22º recoñecese que o poder público reside no pobo galego. Ao definir os/as electores, estabelece diferentes requisitos por xénero: aos homes concédeselles o sufraxio aos maiores dos 20 anos e no caso das mulleres abrangue as instruídas nas materias da segunda ensinanza. Malia esta discriminación naquel intre era pioneira na participación da muller nas institucións. Tamén se creaba un exército propio e un sistema educativo público.

 

[Galiza, 25 de outubro de 2022]

https://obloguedemera.wordpress.com/