A revolución republicana federal de 1872

Manuel Mera - 15 Xan 2025

Para alén da importancia destes feitos e do papel da Galiza na loita a prol da República, cómpre destacar que esta acción revolucionaria, rexeitada polo partido en Madrid, foi a semente que deu pulo ao nacemento do Partido Republicano Federal Galego en 1873

 Hai pouco máis de 150 anos, xusto un século antes das folgas xerais de Ferrol e Vigo, o 11 de outubro de 1872, proclamouse na cidade de Ferrol a República Federal. Ese día un grupo de militares retirados e civís membros do Partido Republicano Federal, baixo o mando do brigadier Bartolomé Pozas, erguéronse en armas contra o goberno de Amadeo 1º de Saboia ao berro de Viva a República Democrática e Federal!. Amosaron bandeiras vermellas e símbolos da República. Detiveron o comandante do Arsenal e permitiron a saída dos militares que non apoiaban a insurrección. Esperaban que esta acción fose secundada noutras cidades do Estado español (EE), algo que non sucedeu.

 O levantamento abrangueu unhas dúas mil persoas (Ferrol tiña 30.000 habitantes), e sería condenado polo líder dos republicanos federais, Pi y Margall, e rexeitado polo Congreso español. Isto defraudou o sector radical dos republicanos e varios comités do partido nas cidades galegas, porque incumpría os obxectivos fixados na Revolución de 1868 en Ferrol. A insurrección sería respondida tres días despois polo capitán xeneral de Galiza declarando o estado de guerra. O día 13 forzas militares procedentes da Coruña comezan os enfrontamentos armados e o día 17 estas tropas toman o Arsenal detendo a 400 persoas. Parte dos insurrectos foxen en barcas ao Seixo, camiño de Pontedeume. Nesta fuxida moitos son apresados por militares e carabineiros.

 A represión sobre os sublevados foi durísima. Nos días seguintes realízanse consellos de guerra, ditándose unhas vinte penas de morte, que serían conmutadas por presidido, así como máis dun cento de condenas de prisión, e centos de desterros a colonias de ultramar.

 Para alén da importancia destes feitos e do papel da Galiza na loita a prol da República, cómpre destacar que esta acción revolucionaria, rexeitada polo partido en Madrid, foi a semente que deu pulo ao nacemento do Partido Republicano Federal Galego en 1873. Un partido totalmente autónomo, o que redactou no ano 1887 o Proxecto de Constitución para o Estado Galaico.

 No proxecto de Constitución proclámase a soberanía e unha forma de goberno republicano-democrática. No artigo 22º recoñécese que o poder público reside no pobo galego. Ao definir os/as electores, estabelece diferentes requisitos por xénero: aos homes concédeselles o sufraxio aos maiores dos 20 anos e, no caso das mulleres, abrangue as instruídas nas materias da segunda ensinanza. Malia esta discriminación naquel intre a proposta era pioneira na solicitude de participación da muller nas institucións (a Asemblea Nacionalista de Lugo en 1918 pediría a igualdade de dereitos; sen dúbida incidiu o triunfo da Revolución Rusa). Segundo o proxecto de Constitución, tamén se creaba un exército propio e un sistema educativo público.

 

[Galiza, 15 de xaneiro de 2025]