A sanidade pública pontevedresa bótase á rúa contra os recortes e as privatizacións

SOS Sanidade Pública desenvolveu unha concentración diante do hospital Provincial

Pontevedra -

O persoal sanitario pontevedrés mobilizouse onte para rexeitar as políticas de recortes e privatizacións da Xunta do PP e reclamar a reactivación da actividade sanitaria ordinaria, que foi abandonada durante a pandemia do novo coronavirus. Traballadores/as do transporte sanitario programado aproveitaron a xornada para manifestarse polas rúas da cidade contra os plans de privatización do servizo, en especial o traslado e atención de pacientes de diálise.

“Os recortes e as privatizacións matan”. Así de contundentes se amosan dende a plataforma SOS Sanidade Pública de Pontevedra, da que fai parte a CIG. Ao mesmo tempo, advirten que a crise sanitaria aínda non está superada, e instan a recuperar a atención ordinaria e a fortalecer o sistema público ante a posibilidade de que se produza un aumento dos casos de COVID-19.

Con esta protesta tamén se quere amosar o rexeitamento do colectivo ao peche de camas no hospital Montecelo durante o verán, unha práctica habitual nos últimos anos. Así como reivindicar a xestión pública das residencias de maiores, e que a atención sanitaria dos residentes sexa tamén pública e sen discriminacións. “Os cartos públicos teñen que usarse para mellorar a sanidade pública e non para enriquecer a inversores privados”, rematan. 

O persoal do transporte sanitario programado tamén participou na protesta

Na mobilización tamén participaron traballadores/as do servizo de transporte sanitario programado, que iniciaron unha campaña de mobilizacións convocados pola CIG para denuncia a privatización do servizo de traslado e a atención de pacientes de diálise.

O persoal das ambulancias saíu en manifestación dende a Praza da Ferrería até o o hospital Provincial, onde se sumou á concentración de SOS Sanidade.

Volver