A sección sindical da CIG amosa a preocupación pola decisión de Ferroatlántica de parar dous fornos

Denuncian que a empresa busca crear as condicións para xustificar un ERE e piden a actuación da Xunta

Cee -

A sección sindical da CIG en Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas amosa a súa preocupación pola decisión da dirección de parar a actividade dos fornos 13 e 14 durante seis meses, a partir de xaneiro. Con incerteza de se a empresa presentará finalmente un ERE, para a representación da CIG a paralización dos fornos non obedece a causas obxectivas, senón a un novo intento de Ferroatlántica de deslocalizar a produción.

Neste senso, explican que se está a desviar a produción e que os clientes máis próximos ás fábricas da Costa da Morte (como Megasa Portugal) serán subministrados por outras empresas do grupo. Por iso consideran que, con esta medida, Ferroatlántica está traballando para crear as condicións que lle permitan xustificar un expediente de regulación de emprego.

Un ERE que, reiteran, malia o resultado da poxa da interrompibilidade, non sería entendíbel nin estaría motivado, atendendo aos bos resultados económicos obtidos durante o ano 2018 e á vinculación coas centrais hidroeléctricas, que converten a Ferroatlántica en produtora de enerxía e nunha das beneficiarias dos elevados prezos da electricidade.

En calquera caso, a parada dos fornos ten consecuencias directas no emprego na comarca, posto que as compañías auxiliares xa comunicaron ao seu persoal que deixarán de traballar ao rematar decembro. Que non funcionen os fornos 13 e 14 tamén implica que non se van renovarán os contratos eventuais nin se realizarán contratacións por substitucións de vacacións, baixas, etc.

Chamamento á Xunta para que actúe

Para a sección sindical, a decisión de paralizar a actividade dos fornos haina que enmarcar no castigo do grupo empresarial ao persoal das fábricas galegas por non ter logrado o seu obxectivo de vender as centrais hidroeléctricas. Por iso fan un chamamento á Xunta de Galiza para que actúe de xeito inmediato e evite o peche de centros de traballos e/ou de unidades produtivas que parece buscar a empresa.

De igual xeito, a representación da central nacionalista instará o comité de empresa para iniciar de inmediato unha rolda de contactos institucionais e solicitar unha reunión co conselleiro de Industria co obxectivo de abordar o futuro do complexo industrial da Costa da Morte.

Volver