A sección sindical da CIG critica os incumprimentos do Concello da Coruña en materia de persoal

Advirten das eivas no sistema de provisión de postos de traballo

A Coruña -

A sección sindical da CIG no Concello da Coruña denuncia os incumprimentos do goberno municipal en materia de persoal e a falta de execución dos acordos acadados  co anterior executivo local e que se deberían estar a desenvolver. Lembran que xa transcorreu a metade do mandato do goberno do PSOE pero aínda esta sen resolver "o pase dos/as bombeiros/as ao subgrupo C1, a promoción interna do persoal auxiliar administrativo, non se deu ningún paso para a realización dunha nova RPT, nin da carreira profesional".

Consideran especialmente grave as eivas no sistema de provisión de postos de traballo, posto que "segue sen completarse o  concurso de traslados, non se resolven os concursos de libre designación convocados xa hai máis de dous anos e pola contra utilízanse as comisións de servizo para colocar a persoas afíns, xa sexan desta ou doutras administracións públicas en postos de xefatura deste Concello".

Critican que as comisións de servizo "son a gran mentira deste goberno", xa que baixo a aparencia dun concurso, "no que non se valoran méritos de ningunha clase, nomean a dedo as persoas que lles interesa, sen publicidade de ningún tipo sobre o desenvolvemento do proceso. Estas afirmacións, engaden, podemos facelas porque tivemos acceso á documentación dun expediente deste tipo que tivemos que pedir nun xulgado".

A este respecto, denuncian que goberno do PSOE leva creadas o dobre de novas comisións de servizo en dous anos que as creadas polo goberno da Marea ou do PP na totalidade das súas respectivas lexislaturas.

Sobre a transparencia dos poucos procesos selectivos que se realizan a sección sindical alerta que, por vez primeira en máis de vinte anos, non se deixa que Xunta de Persoal propoña un vocal nos procesos de selección, acudindo a persoal doutras administracións publicas para conformar estes tribunais.

Intromisións na composición dos tribunais

A sección sindical rexeita que o Concelleiro Delegado de Persoal non só "matice" os tribunais de selección, senón que "se permite intervir nos procesos doutros concellos propoñendo vocais distintos dos que lle tiñan solicitado". Sobre esta afirmación, explican que hai uns días o Concello de Sada solicitou ao Colexio de Traballadoras/es Sociais dúas vogais para un proceso selectivo. Dende o Colexio, utilizando unha lista de persoal cualificado que ten para estes casos, propúxose a dúas traballadoras sociais do Concello de Coruña. Porén, baixo o argumento de que estas profesionais tiñan moita carga de traballo, o concelleiro propuxo a outras dúas persoas no seu lugar.

Volver