A sección sindical da CIG denuncia a externalización do persoal de conserxaría dos colexios públicos da Coruña

O Goberno municipal recorre a unha empresa para cubrir prazas que están recollidas na RPT
A Coruña - 29 Mar 2021

A sección sindical da CIG no Concello da Coruña quere denunciar a externalización encuberta que o Goberno municipal está a realizar do servizo de conserxería dos colexios públicos de infantil e primaria. A pesar de estar recollidas na Relación de Postos de Traballo, o Concello está recorrendo a unha empresa privada para contratar persoal para cubrir as prazas vacantes en vez de tirar da lista de contratación.

A sección sindical da CIG insta o Goberno municipal a cesar de inmediato nesta práctica "ou doutro xeito verémonos na obriga de ter que denunciar diante da Inspección de Traballo ao entender que constitúe unha cesión ilegal de traballadores e traballadores". Dende o Concello xustifican este método de contratación, que ademais se fai do xeito máis precario posíbel ao tratarse de contratos por días, porque así se axiliza a súa tramitación.

A representación da CIG explica que debido ás políticas de austeridade impostas na última década, impedindo a reposición de efectivos nas administracións públicas, a temporalidade incrementouse até tal punto que, no caso do servizo de conserxería dos colexios públicos da Coruña, un de cada tres traballadores/as non ten o posto definitivo.

Neste senso, non cómpre perder de vista que incluso hai unha declaración por parte do TSXUE sobre o abuso da temporalidade nas administracións e a necesidade de establecer sancións disuasorias aos estados membros. A CIG leva anos denuncias estas políticas e a conivencia de sindicatos que asinan os acordos que permiten a súa vixencia no tempo.

A sección sindical da CIG insta o Concello da Coruña a cubrir as vacantes de xeito regulamentario e deixarse "de componendas que poderían dar lugar a que se cree novo persoal emprego público sen seguir as canles que contempla o EBEP para o acceso á función publica".