A sección sindical da CIG denuncia a falta de dilixencia de Atento para atallar o gromo aparecido no centro

Hai oito casos confirmados e o SERGAS ordenou un cribado masivo do persoal
A Coruña - 02 Xul 2021

A sección sindical da CIG critica a falta de dilixencia de Atento para atallar e comunicar á sanidade pública o gromo aparecido na plataforma da Coruña, pois non tomou ningunha medida preventiva tras ter coñecemento de que había catro casos confirmados. Xa son oito os casos e descoñécense se pode haber máis persoas afectadas. Unha vez máis, denuncian, Atento antepón o seu interese económico á saúde dos seus traballadores e traballadoras.

O pasado 28 de xuño, Atento informou da aparición de catro casos positivos de Covid-19 no centro da Coruña, entre o persoal destinado ao servizo de Iberdrola. Ante esta situación, a sección sindical da CIG  trasladouselle unha serie de propostas á empresa, demandando información sobre o protocolo que ían aplicar, pedindo unha correcta ventilación e unha exhaustiva desinfección de todo o centro, así como a protección das persoas que aínda están a traballar no centro. Porén, non houbo resposta de ningún tipo por parte da dirección.

O mércores 30 de xuño, Atento comunicou a aparición de 4 casos positivos máis. Así mesmo informou que ía proceder á desinfección dunha das salas de operación, a pór ao persoal desta sala en modalidade de teletraballo e que comunicara de maneira oficial ao SERGAS o gromo para seguir as instrucións de sanidade. Tras a posta en coñecemento dos casos de contaxios, o SERGAS odena un cribado masivo dos traballadores e das traballadoras que aínda permancen no centro, que se realizará este venres 4 de xullo.

Recoñecemento das horas para facer as probas

A sección sindical reclama por escrito a Atento que recoñeza o tempo que se empregue en facer o cribado como horas de empresa, é dicir, que se devolvan esas horas a todo o persoal que ten que acudir facer a proba, "xa que se non foran traballadoras/es de Atento non terían que ir facer a PCR".

De igual xeito, piden que se poña en corentena preventiva ao persoal que aínda permance traballando até saber o resultado do cribado e evitar, no posíbel, que se expandan os contaxios; e que a empresa dea información puntual das medidas que está adoptar e explique cales son os protocolos de actuación que segue.