• Nova

A sección sindical da CIG denuncia a neglixente actuación de XEAL ante os accidentes laborais

Advirten que a empresa mantén unha política de ocultación ao comité de Seguridade
Cee - 10 Xun 2022

A sección sindical da CIG (que ten a maioría no comité de empresa e no comité de seguridade e saúde laboral) vai denunciar a XEAL na Inspección de Traballo pola neglixencia da empresa á hora de actuar diante dos accidentes laborais que se rexistran nas fábricas e centrais.

O pasado mércores produciuse un accidente grave ao resultar ferido un traballador con queimaduras de segundo grao nos pés. Porén esta información nin sequera foi facilitada pola dirección, que mantén unha política de ocultación dos accidentes que xa foi denunciada pola CIG en  reiteradas ocasións na Inspección de Traballo, senón que foi achegada polo entorno do traballador afectado.

Traslados en taxi

Advirte a sección sindical que a mala praxe da empresa é tal que, nun primeiro momento, para tentar tapar que se trataba dun accidente, mantivo o traballador dentro da fábrica até que chegou un taxi, no que finalmente foi trasladado ao Hospital de Cee, de onde foi derivado de inmediato en ambulancia á unidade de queimados do Hospital da Coruña. Pero estas informacións tamén foron facilitadas polo entorno do traballador, non pola empresa.

Neste senso, sinalan que os traslados en taxi de persoas accidentadas "xa teñen ocorrido en ocasións anteriores con fatal resultado para a persoa ferida. Parece obvio que un taxi non é medio apropiado para un traslado, xa que incluso se poden producir ou empeorar as lesións da persoa accidentada", apuntan os delegados da CIG.

A sección sindical considera lamentábel que no protocolo de actuación dunha empresa encadrada no anexo I da Lei de Prevención de Riscos Laborais, é dicir considerada como actividade perigosa, "sexa o capataz que estea de quenda, e non persoal sanitario, quen teña que avaliar en primeira instancia a gravidade ou non dun accidente".

Cómpre subliñar que, no que vai de ano, "xa se rexistraron máis dunha decena de accidentes en XEAL (algúns destes casos a empresa inténtaos ocultar con licencias médicas para evitar que conte na estatística a baixa por accidente) e un gran número de incidentes".

Menos persoal, falta de servizo médico e un departamento de prevención "inoperante"

Os delegados de prevención da CIG salientan que estes accidentes se producen no contexto de recortes do cadro de persoal e das condicións sociais que se están a producir dende a chegada de TPG-Ithaka e a actual dirección hai máis de dous anos. Estes recortes levan a que haxa menos xente por gardas e á acumulación de funcións nun empresa que sigue tendo a consideración de actividade perigosa.

A isto engádense as reiteradas denuncias feitas pola CIG pola falta de médico/a nas instalacións dende hai máis dous anos, e que só hai unha persoa de enfermería para os tres centros de traballo.

E sumado a todo isto, advirten, "un inoperante departamento de prevención no que a dirección mantén á fronte ao traballador condenado (en 1ª instancia) por acoso sexual, cun completo deixamento nas súas función que, como denunciamos, nin sequera cumpre coa tarefa básica de información".

A representación da CIG lamenta tamén que despois destes accidentes, a empresa ofreza unha información "que é sempre nesgada porque fan un simple aviso de que houbo un accidente pero nunca se investigan as causas nin que medidas correctoras son precisas".

Deste xeito, a dirección pretende eludir toda responsabilidade no accidente "para culpabilizar como sempre os traballadores e traballadoras que somos as vítimas da súa neglixencia e incompetencia. Esiximos que XEAL adopte de inmediato as medidas adecuadas e dea a información axeitada en materia de prevención e saúde laboral  para evitar ter que lamentar no futuro vítimas mortais nos nosos centros de traballo".